“Rock and Magic”, do Mago Teto, representarase ás 22:00 horas na Plazuela de Pontecesures
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este luns 7 de xullo o circuíto +Escénicas ao concello de Pontecesures da man do espectáculo familiar “Rock and Magic”, a cargo do Mago Teto. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Rock and Magic” representarase na Plazuela de Pontecesures ás 22:00 horas e trátase dunha mostra do repertorio do popular Mago Teto, na que caben aparicións sorprendentes, xogos de adiviñación e ilusións máxicas, acompañadas de temas de rock and roll de Led Zeppelin, Bob Dylan ou Los Suaves. Neste espectáculo, dirixido por Fran Rei, a sorprendente maxia do Mago Teto únese ao talento de Fer Risco (batería) e Mon Orencio (guitarra) para ofrecer unha experiencia teatral única e moi parecida á dun concerto de rock.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.