O grupo actuará na rúa Gumersindo Areán ás 18:00 horas dentro da súa programación cultural
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 24 de maio a Rodeiro un concerto de Carapaus enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na rúa Gumersindo Areán a partir das 18:00 horas como parte da programación cultural do concello.
Carapaus presentará en Rodeiro o seu traballo discográfico “Camiño da vida tola”, co que poñen en valor e difunden as músicas que noutrora soaron ao longo dos camiños que levan a Compostela, pezas de carácter tradicional que rescatan versos de Rosalía de Castro ou Manuel María, pero sen deixar de lado outras de nova composición nas que se atopan mensaxes a prol da igualdade ou a lingua galega. Carapaus reivindica o patrimonio cultural inmaterial do noso pobo, conservado durante anos especialmente polas mulleres.
O concerto de Carapaus é unha das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro do 2025 nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.