O espectáculo, dirixido ao público familiar, poderá seguirse a partir das 19:00 horas na Biblioteca Pública da Casa do Pobo de Tenorio
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 8 de febreiro o circuíto +Escénicas ao Concello de Cerdedo-Cotobade con “Cacho animalada” de Vero Rilo. A función, dirixida ao público familiar, poderá seguirse a partir das 19:00 horas na Biblioteca Pública da Casa do Pobo de Tenorio e enmárcase no novo circuíto da institución provincial que ata marzo está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia, cun orzamento de 150.000 euros.
“Cacho animalada”, a peza que Vero Rilo interpretará este sábado en Cerdedo-Cotobade, trátase dunha sesión de narración oral e música para público infantil e as súas familias. Nela, a narradora estará acompañada da guitarra e da voz do multifacético Luis Iglesias.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.