“Unhas risadas sorprendentes”, de A Maga Fani e Martín Camiña Ilusionista, chegará ás 11:00 horas ao Colexio Público Dr. Suárez de Fornelos, e “Contacontos Peques e Heroas”, de Manuela Varela Contacontos, terá lugar ás 19:00 horas na Sala de Cultura de Mondariz-Balneario
+Escénicas é un novo circuíto da institución provincial, dotado con 150.000 euros, cunha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo
A Deputación de Pontevedra leva este venres 7 de febreiro o circuíto +Escénicas aos concellos de Fornelos de Montes e Mondariz-Balneario con “Unhas risadas sorprendentes” e “Contacontos Peques e Heroas”. As funcións comezarán ás 11:00 horas no Colexio Público Dr. Suárez de Fornelos e ás 19:00 horas na Sala de Cultura de Mondariz-Balneario e enmárcanse no novo circuíto da institución provincial que está a espallar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo, cun orzamento de 150.000 euros.
“Unhas risadas sorprendentes”, a peza de A Maga Fani e Martín Camiña Ilusionista que se poderá desfrutar en Fornelos de Montes, trátase dunha xuntanza de maxia e gargalladas que precisa da axuda do público. O espectáculo bebe de chistes visuais extravagantes para facer aparecer rostros relucentes de ledicia, nunha escolma de actos que depuran fígados e mentalidades estáticas.
Pola súa banda “Contacontos Peques e Heroas”, a peza de Manuela Varela Contacontos que terá lugar en Mondariz-Balneario, afondará nos heroes e heroas para reflexionar nos roles de xénero a través dos pequenos e grandes actos heroicos que moitas nenas e mulleres deben acometer para desempeñar a súa carreira profesional.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. A cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros para financiar os espectáculos propostos, incluídos nun amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro posto á súa disposición e dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra.