HomePontevedraA ParadantaA Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Arbo cun espectáculo...

A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Arbo cun espectáculo de monicreques

- Anuncio -spot_img

O espectáculo “Petróglifos” representarase a cargo de Carme Domech na Biblioteca municipal ás 17:00 horas

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

A Deputación de Pontevedra leva este venres 24 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Arbo da man dun espectáculo de monicreques a cargo de Carmen Domech. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“Petróglifos” representarase na Biblioteca municipal a partir das 17:00 horas e está pensada para público infantil. Moitas das historias que chegaron aos nosos días fixérono transformadas polo paso do tempo: quitando e engadindo acontecementos, crenzas ou costumes segundo as épocas. Os espectadores de Arbo poderán gozar dalgunhas delas de novo, como as mouras coidadoras da natureza que ao contrario do que ás veces se dixo delas son solidarias cos homes, a sabia vella do arco que sae a pasear e enche o ceo e a nosa imaxinación de cores cos que voar, ou os petróglifos de labirintos, serpes, cervas e estrelas. As historias que relatan estas pedras falan da vida das xentes que habitaron a nosa terra hai moitos anos e que no esencial non son tan diferentes de nós.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Publicacións Relacionadas