“A Tarabela ambulante: Idea”, de Tarabela Creativa, representarase ás 20:30 horas na Praza do Concello
+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes
A Deputación de Pontevedra leva este venres 12 de setembro o circuíto +Escénicas ao concello de Meaño da man do espectáculo familiar “A tarabela ambulante: Idea”, a cargo da compañía Tarabela Creativa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“A tarabela ambulante: Idea” representarase na Praza do Concello ás 20:30 horas con motivo da súa Festa dos Milagres. O espectáculo afonda en que pasaría se deixásemos entrar ao aburrimento, se os nenos non tiveran nin pantallas nin xoguetes e non houbera nada concreto que facer: que as súas mentes poñeríanse a buscar. A función conta a historia de Mariña, unha nena que grazas ao aburrimento se converte en Idea. O seu pensamento ten a forma dunha tarabela de cores, e cada vez que xira vánselle ocorrendo ideas mentres xoga. O espectáculo transmite que o aburrimento é un ben necesario na educación da infancia, pois é un caldo de cultivo para a súa creatividade, para aprender a estar consigo mesmos e un impulso prosocial.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.