Treixadura actuará ás 22:30 horas na Praza de Fefiñáns de Cambados e o concerto de Roi Casal terá lugar a partir das 21:00 horas na Praza do Corgo do Grove
+Música está dotado este ano de 700.000 €, 100.000 € máis que o pasado ano, para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 31 de xullo un concerto de Treixadura a Cambados e outro de Roi Casal ao Grove, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na Praza de Fefiñáns ás 22:30 horas e na Praza do Corgo ás 21:00 horas, respectivamente.
Treixadura ofrecerá no escenario un espectáculo de canto e gaita, que eleva a música tradicional ao máis alto nivel artístico. A súa actuación en Cambados é unhas das citas coas que despide “Camiño longo”, o seu último traballo discográfico publicado en 2022 e no que se recollen as tres décadas de vida do grupo. Pola súa banda, Roi Casal porá sobre o escenario do Grove as súas recentes producións en Estados Unidos con ritmos latinos e o estilo pop máis puro dos seus inicios.
O concerto de Treixadura e Roi Casal son dúas das 78 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa provincial ten un orzamento de 700.000 euros, 100.000 euros máis que na pasada edición, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a institución provincial aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade.