Trátase da segunda das xornadas da segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou por Fornelos de Montes e chegará este xoves ao Pazo Santa Teresa a partir das 16:30 horas
Ademais de Fornelos de Montes e Redondela, +Convivir chegará este ano a Salceda de Caselas, A Lama, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Pontevedra, Ribadumia, Bueu, Oia, Barro e Tui
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 5 de xuño ata Redondela o programa provincial +Convivir. Trátase da segunda das xornadas desta segunda edición desta iniciativa destinada ao movemento veciñal que xa pasou este ano por Fornelos de Montes e chegará esta semana ao Pazo Santa Teresa ou Pazo Petán a partir das 16:30 horas, coa presenza do deputado de Acción Comunitaria Javier Tourís.
A xornada no Pazo Santa Teresa, tamén coñecido como Pazo Petán, prevé sumar a centos de persoas que gozarán dunha xornada lúdica pero tamén de aprendizaxes. Neste eido, haberá sesións formativas relacionadas coa nutrición pero tamén obradoiros relacionados coa risoterapia e coa ximnasia de mantemento. Ademais, a actividade completarase coa música dun DJ e cun refrixerio para as persoas asistentes.
+Convivir é un programa provincial co que a Deputación de Pontevedra demostra o seu compromiso co tecido asociativo veciñal e enxalza o papel que este desenvolve para o avance da provincia. Ademais de Fornelos de Montes e Redondela, o programa chegará este ano a Salceda de Caselas A Lama, Baiona, Rodeiro, Gondomar, Pontevedra, Ribadumia, Bueu, Oia, Barro e Tui. O pasado ano, foron case 4.000 as persoas que desfrutaron das sete citas organizadas pola institución ao longo da xeografía provincial.