A peza, para público familiar, poderá verse no auditorio municipal o próximo sábado 4 de xaneiro ás 18:00 horas
+Escénicas trátase dun novo programa da institución provincial, dotado con 150.000 euros, que espallará unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 4 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Arbo de novo coa obra teatral “Rock and magic”, a cargo do Mago Teto. A peza, para público familiar, poderá verse no auditorio municipal a partir das 18:00 horas no marco desta pioneira iniciativa cultural da institución provincial, dotada de 150.000 euros, que está a levar unha completa programación de teatro e danza en 49 concellos da provincia ata marzo de 2025. Esta non é a primeira vez que +Escénicas chega ao concello de Arbo, onde este xoves 2 de xaneiro tamén o espectáculo de contacontos “Contos para pasalo de medo”.
Dirixido por Fran Rei, “Rock and magic” é máis que un espectáculo de maxia: é un concerto de rock and roll. O Mago Teto únese a Fer Risco na batería e Mon Orencio na guitarra para construír un espectáculo onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock and roll. Aparicións sorprendentes, xogos de adiviñación e pequenas e grandes ilusións máxicas comparten protagonismo coa música rock a través de temas de Led Zeppelin, Bob Dylan ou Los Suaves grazas a unha banda en directo.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación busca dar resposta á demanda que o sector profesional ven facendo dende hai máis de 15 anos. Ao abeiro do programa a cada concello correspóndelle unha achega máxima de 3.400 euros e para a súa posta en marcha a institución provincial lanzou un amplo catálogo de espectáculos de danza e teatro que está dispoñible na páxina web da Deputación de Pontevedra.