O calendario do programa inclúe concertos nos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que se celebrarán ata o próximo mes de setembro
Este domingo, 19 de maio, a Deputación de Pontevedra continuará espallando a música galega a través do programa provincial “+Música”. Farao en Rodeiro cun concerto da banda Boyanka Kostova, que se celebrará na Avenida Aviador Gumersindo Areán a partir das 20:00 horas con asistencia de balde.
Con “+Música” a Deputación de Pontevedra está a apoiar a programación artística dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poñendo á súa disposición un catálogo de grupos e solistas musicais profesionais que realizan os seus espectáculos en lingua galega ou, no caso de formacións instrumentais, que interpretan pezas de autoría galega. O obxectivo é contribuír á difusión e o fomento da cultura galega, promovendo a reputación da provincia como destino cultural.
Cibrán e Chicho, compoñentes de Boyanka Kostova, presentarán este domingo o seu álbum “Foliada no inferno” (2024), cunha mestura de rap, trap, electrónica ou hip hop. Durante 90 minutos, interpretarán algúns dos seus temas máis populares, como “Muinheira do interior”, “Ordoño”, “Pola Costa”, Colacao” ou “Restaurantes”. Despois de cinco discos e máis de cen concertos por toda España, son considerados os pioneiros do trap galego.
Entre este mes de maio e o de setembro están previstas un total de 59 actuacións nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia: 5 no mes de maio, 2 no mes de xuño, 20 en xullo, 26 en agosto e 6 en setembro. As próximas citas serán a de Lucía Pérez, o 26 de maio en Portas, e a de Francisco Castro e a Banda dos Borges, o próximo 8 de xuño en Mos (concerto previsto para o pasado venres pero adiado por mor da choiva). “+Música” ten un orzamento de 600.000 euros, cos que a Deputación aboa os custos de caché dos espectáculos.