HomePontevedraA ParadantaA Deputación mobiliza esta semana dous colectivos de Arbo e Meis nos...

A Deputación mobiliza esta semana dous colectivos de Arbo e Meis nos seus programas formativos de participación social Provincia Activa e +Xuntas

- Anuncio -spot_img

Integrantes da Asociación Cultural Mulleres Rurais A Palleira de Meis participan desde este martes nun obradoiro de alfabetización dixital de +Xuntas, o programa destinado a promover a igualdade e crear espazos de encontro para mulleres

Maiores de Arbo asistirán a un curso de plantas medicinais no marco de Provincia Activa, o programa da Deputación que busca impulsar o envellecemento activo

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana novas actividades formativas para colectivos sociais de Arbo e Meis no marco dos seus programas de participación social Provincia Activa e +Xuntas. As dúas accións suporán a mobilización de preto de 30 persoas maiores e mulleres da provincia de Pontevedra.

A primeira en ter lugar será en Meis a partir deste martes 21 de outubro no marco do programa +Xuntas, unha iniciativa que busca promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes a través da creación de espazos de encontro social que, ademais, fomentan a empregabilidade das mulleres. Trátase dun obradoiro de alfabetización dixital no que participarán 12 mulleres da Asociación Cultural Mulleres Rurais A Palleira.

Pola súa banda, o xoves 23 de outubro, comezará unha actividade sobre plantas medicinais para 16 usuarios da Asociación Veciñal Deportiva Cultural e Xuvenil Arcanxo San Miguel, de Arbo. Estas acción desenvólvese no marco de Provincia Activa, unha iniciativa que busca impulsar o envellecemento activo das persoas maiores da provincia, así como fomentar a participación e crear espazos de encontro e intercambio de experiencias.

A través de Provincia activa, a Deputación ofertou este ano 14 obradoiros divididos en seis bloques temáticos: “Benestar natural”, “Saúde en movemento”, “Emociónate”, “Outra vida”, “Con ritmo!” e “Reder@s”. O programa conta este ano cun orzamento de 146.000 euros e ao longo deste ano desfrutarán dos obradoiros 130 entidades de 40 concellos da provincia.

En canto a +Xuntas este ano terán lugar 207 obradoiros dirixidos a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

Publicacións Relacionadas