A institución provincial outorgou axudas por valor de 6,9 millóns de euros aos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa
A Deputación de Pontevedra mobilizou a través do Plan +Provincia máis de 9,7 millóns de euros para realizar 76 investimentos na zona de influencia de Pontevedra, con axudas da institución provincial valoradas en preto de 6,9 millóns de euros que recalaron nos concellos de Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, A Lama, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Portas, Sanxenxo e Vilaboa.
En Barro, a Deputación mobilizou un total de 352.369,65 € a través de seis proxectos financiados integramente con estes fondos provinciais: a mellora dunha estrada municipal en Bretoña, a mellora de vías na parroquia de Valiñas, Mane e Triaba, a ampliación do saneamento en Valbón (Agudelo), a mellora do alumeado público exterior e a ampliación das redes de abastecemento e saneamento na zona de Bon de Abaixo.
En Caldas de Reis mobilizáronse un total de 642.930,76 € tamén para financiar integramente outros tres proxectos: o saneamento de augas residuais en Soutelo de Abaixo e A Igrexa (Saiar) e mais a subministración dunha furgoneta e un furgón para o servizo de obras.
En Campo Lameiro, o Plan +Provincia deixou un total de 323.268,32 € para catro proxectos de novo financiados integramente pola Deputación de Pontevedra: a recuperación do espazo para uso peonil no camiño entre Casiñas e Carballeira, actuacións nos camiños Castro de Orto, Padín e Reboredo, mellora da recollida de augas pluviais no núcleo de Paredes e mais a mellora de paneis de sinalización.
En Cerdedo-Cotobade, a Deputación achegou 593.795,48 € para 15 proxectos cunha mobilización total de 1.166.551,03 euros: a ampliación da rede de saneamento en Torrevella, o ensanche e pavimentación no lugar de Veiguiña do Medio (Sacos), a pavimentación do acceso á Revolta, o retranqueo de peche de muros, cuneta e galpón en Parada de Tenorio, obras de acondicionamento interior e substitución de carpintarías e fosa séptica na antiga casa-escola das nenas de Caroi, o ensanche e mellora dunha vía municipal no lugar de Calvelo de Abaixo (Tenorio), a mellora da seguridade viaria na parroquia de Rebordelo, a posta en valor das construcións do Castro da Cividá, a recollida de augas pluviais na rúa dos Carballos, saneamento nos lugares de Cuiñas e Quintán (Viascón), recollida de augas pluviais e pavimentado de pistas nos lugares de Cuiñas e Costiña, a mellora da pavimentación en pistas de Tenorio e no acceso a Framil, a substitución de luminarias e mais a ampliación do parque infantil de Lérez (Tenorio).
En Cuntis, as achegas provinciais supuxeron unha inxección de 453.611,35 € para financiar sete proxectos cunha mobilización total de 959.294,31 €: a mellora da calidade urbana na rúa Bernardo Sagasta, a mellora da capa de rodadura das estradas de acceso aos núcleos de Vilariño e Noval e de acceso a Mesego, melloras nos camiños de acceso da PO-220 ao Noval, a Calvos e a Belai e o camiño A Toxeira-Piñeiros, actuacións de mellora do alumeado publico e a subministración de colectores de lixo.
Na Lama, doce axudas por valor de 283.032,83 € mobilizaron en total 732.230,57 € para os seguintes proxectos: substitución de cuberta e renovación da instalación eléctrica da casa consistorial, mellora da eficiencia enerxética do Obradoiro, mellora de vías municipais en Paradela e Baralla (Xende), obras de redución de perda de auga e mellora da eficiencia do sistema de abastecemento, a mellora da seguridade das infraestruturas viarias interiores no parque empresarial de Racelo, a execución do peche de parcela no viveiro de empresas, a creación dun parque infantil no Peso, actuacións na EDAR de Laxedo, o acondicionamento dun sendeiro no lugar de Firveda, a subministración de cociñas para vivendas de aluguer social e local social, o revestimento dos muros exteriores do campo de fútbol e cuberta de tella na zona da entrada e a sinalización e mellora dun sendeiro en Gabián.
En Marín, tres proxectos mobilizaron 1.688.797,55 € grazas a axudas do +Provincia valoradas en 856.745,78 €: a achega municipal do convenio de colaboración para a mellora de mobilidade peonil na EP-1203, a humanización de vías en Pedreiras e a renovación de pavimentos na urbanización Virxe do Carme.
En Moraña, dúas achegas por valor de 394.684,77 € permitiron mobilizar 551.570,73 € para o campo de fútbol de Mirallos e para a reordenación dunha zona verde e un aparcamento anexo á Rúa Nº 6.
En Poio, a Deputación mobilizou un total de 594.026,18 € a través de cinco proxectos financiados integramente con estes fondos provinciais: a mellora de camiños municipais na rúa Sartal, a mellora de firmes e servizos no camiño ao cemiterio (Travesía da Seara e camiño Outeiro), a pavimentación e ampliación da rede de pluviais nos camiños de Cachafeiro e do Castaño, a adquisición de equipamento para obras e servizos e o alumeado na rúa do Adro e travesía de Porteliña.
En Ponte Caldelas mobilizáronse un total de 661.588,31 € cunha inxección de 470.218,88 € de fondos do +Provincia para financiar catro proxectos: un de execución de melloras e reforma en oito camiños e rúas municipais, outro de mellora de tres camiños municipais en Chaín e Taboadelo, a mellora da drenaxe e o firme do camiño de Regodobargo e a achega municipal do Plan extraordinario de Infraestruturas Deportivas para a renovación do céspede artificial do campo de fútbol de Chan da Barcia.
En Portas, a Deputación achegou un total de 321.467,88 € a través do Plan +Provincia para financiar cinco actuacións que mobilizaron 499.083,17 €: a rehabilitación e mellora enerxética da antiga casa consistorial, saneamento no Outeiro, a subministración dunha minicargadora e varredora industrial, unha actuación na área recreativa do local cultural de Briallos e a adquisición de terreos para a instalación dunha depuradora na parroquia de Romai.
En Sanxenxo, a Deputación achegou 1.029.359,39 € para catro proxectos de humanización cunha mobilización total de 1.105.788,81 euros: en camiños no Castro-Dorrón e en Arra, na contorna do pavillón de Baltar e no acceso á praza da Travesía Areal (Portonovo).
Por último, en Vilaboa, o Plan +Provincia deixou un total de 460.287,25 € para cinco proxectos financiados integramente: o reasfaltado de vías municipais en Cavada Chan, Paredes e Muíño, a mellora da seguridade viaria e da drenaxe en Nores – Santo Adrián de Cobres, a renovación da instalación do alumeado público no Alcouce (Figueirido) e Barciela (Santa Cristina de Cobres), a mellora da accesibilidade na Casa da Cultura de Riomaior e a subministración de equipamento audiovisual para o salón de actos da Casa da Cultura.
O Plan +Provincia tivo un orzamento de 48,2 millóns de euros, dos que se beneficiaron todos os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e que supuxeron unha mobilización de preto de 53 millóns de euros en arredor de 400 proxectos. O plan de cooperación municipal da Deputación de Pontevedra volverá ser histórico en 2025, con outros 48,2 millóns de euros á disposición dos concellos da provincia baixo as claves de cooperación, equilibrio e respecto á autonomía local.