As familias que visiten o Castelo de Soutomaior recibirán na billeteira o caderno naturista “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”
Ao longo desta semana tiveron lugar visitas guiadas para dar a coñecer o valor e a importancia do xardín entre os e as escolares e o público xeral, ademais dunha campaña en redes sociais sobre árbores con historia
A Deputación de Pontevedra celebra o VI Día Europeo dos Xardíns Históricos cunha programación especial no Castelo de Soutomaior, coa que quere dar a coñecer os principais elementos que conforman o seu xardín, tanto de forma dixital como no propio recinto. A programación comezou esta semana, con visitas guiadas tanto para escolares como para o público xeral ao xardín do castelo e cunha campaña en redes sociais, e culminará este sábado coa celebración dunha xornada de portas abertas e a entrega ás familias que visiten o recinto do caderno naturista “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”.
Coincidindo co VI Día Europeo dos Xardíns Históricos a Deputación abre este sábado as portas da fortaleza aos veciños e veciñas e visitantes para invitarlles a descubrir, de maneira amena, como o de Soutomaior pasou de ser un edificio bélico a un palacio cun magnífico xardín. Esta xornada de acceso libre, para a que non é necesaria reserva previa, busca poñer en valor a paisaxe histórica que forman a fortaleza e a súa contorna de maneira amena a través da súa musealización.
Ademais, neste día faráselle entrega ás familias que visiten o Castelo do caderno do naturista “Os segredos dos Xardíns de Soutomaior”, que busca enriquecer a experiencia dos máis pequenos da casa achegándoos de maneira lúdica á finca que rodea a fortaleza. A actividade consta de varios retos, como un plano do xardín con pezas de quebracabezas para situar os diferentes elementos, xogos de relacionar descricións de partes do xardín coas súas fotografías, adiviñanzas, encrucillado, sopa de letras ou cuestións de verdadeiro ou falso.
Ao longo de toda a semana a Deputación de Pontevedra organizou visitas guiadas para escolares e público xeral no marco da conmemoración do VI Día Europeo dos Xardíns Históricos. Nas visitas fíxose especial fincapé no recoñecemento que supón o Itinerario Europeo de Xardíns Históricos para fomentar o coñecemento o patrimonio arbóreo poñendo en valor a importancia da súa preservación. Ademais, tamén impulsou unha campaña en redes sociais baixo o lema da celebración, “Unha Europa de Xardíns Unidos”, dando a coñecer árbores ou conxuntos de árbores do xardín de Soutomaior e relacionándoas con xardíns da Ruta Europea de Xardíns Históricos que compartan as súas singularidades, como o parque da Alameda da Coruña, o pazo de Oca da Estrada, o Pazo Quiñones de León de Vigo ou o pazo Quinteiro da Cruz de Ribadumia.