Home Deputacións Deputación Pontevedra A Deputación publica o Diario do Activista de Vilaboa José Casal mentres...

A Deputación publica o Diario do Activista de Vilaboa José Casal mentres estivo preso en San Simón

- Anuncio -

A deputada María Ortega destaca a necesidade de achegar unha visión humana da represión franquista e desmontar a propaganda e o “relato imposto que contaron os verdugos”

Na presentación do volume, hoxe en Santa Cristina de Cobres, participaron o investigador e integrante da familia Casal Alberte Blanco e o presidente de ‘A Regaduxa’ Xosé Álvarez Cáccamo

A Deputación presentou hoxe en Santa Cristina de Cobres o libro que recolle o diario manuscrito do activista de Vilaboa José Casal durante a súa estadía como preso en San Simón e no penal militar de San Cristóbal (Navarra). No acto participaron a deputada de Memoria Histórica María Ortega, quen destacou a necesidade de achegar unha visión humana da represión franquista e desmontar a propaganda e o “relato imposto que contaron os verdugos”, o investigador e integrante da familia Casal Alberte Blanco e o presidente de ‘A Regaduxa’ Xosé Álvarez Cáccamo.

O ‘Diario de José Casal’, explicou a nacionalista, é o segundo volume dunha colección que pretendeu sacar á luz os testemuños de quen viviu os feitos en primeira persoa, e que se iniciou con ‘Tres tempos e a esperanza’, co relato do exilio de Mariví Villaverde, filla do alcalde de Vilagarcía Elpidio Villaverde.

“Os diarios de José Casal, Bienvenido Lago ou Valentín Briones; as lembranzas postas en papel por presos como Evaristo Mosquera ou as fotografías de Dámaso Carrasco, tamén preso no Lazareto, permítennos achegarnos a unha visión moito máis humana da represión. E permítennos sobre todo desmontar a propaganda franquista, que foi outro dos principais obxectivos do noso traballo nestes anos. Porque se hai algo peor que o silencio é o relato imposto, a historia que contaron os verdugos. E contra as súas mentiras loitan traballos como os que hoxe presentamos”, apunta a deputada.

No libro as lembranzas de José Casal van acompañadas por unha introdución de Alberte Blanco, investigador e integrante da familia Casal, que fixo unha contextualización da época que permite entender con claridade o que conta o diario. Ademais, a publicación inclúe un limiar de Xosé Álvarez Cáccamo, presidente de ‘A Regaduxa-Memoria Histórica de Vilaboa’, a quen a nacionalista agradeceu o traballo feito na memoria, “consciente de que levades décadas asumindo un traballo que correspondería ás institucións democráticas”.

Por iso, salientou a deputada, a Deputación colleu “sen pensalo” a petición de editar o libro de José Casal “e aquí estamos, en Santa Cristina de Cobres, cumprindo a promesa”. “Nós fixemos o fácil, o difícil fixéstelo vós: as persoas que de xeito desinteresado reunístesvos hai anos entorno á Regaduxa, para gardar a memoria de José Casal, do seu irmán Belarmino, do seu curmán Roxelio e de tantas outras vítimas da vosa vila. Tamén, por suposto, das mulleres. De Jesusa Valladares, da súa filla Tucha, de Otilia, de Lola Cerqueiro, de Hermosinda Lamoso, de Casilda Rosendo, de Eugenia a do Chincho. (…) Grazas, xentes da Regaduxa polo voso compromiso”.

Finalizou Ortega asegurando que pese a que nestes días remata o seu mandado como responsable de Memoria “alá onde vaia, seguirei traballando en prol da causa compartida e esixindo que sexan as administracións democráticas as que, de vez , leven a cabo políticas publicas contra o esquecemento, sempre da man da sociedade civil pero sen cargala cunha obriga que xa leva sostendo por demasiado tempo”.

A Casa da Memoria Pública de Vilaboa

O presidente de A Regaduxa, Xosé Álvarez Cáccamo subliñou na súa intervención sobre o ‘Diario de José Casal’ que o texto recuperado e agora editado é “un testemuño transparente e bravo de firmeza ideolóxica” que “continúa a poñer pedra sobre pedra no labor da edificación da Casa da Memoria pública de Vilaboa”.

Sinalou que dende o colectivo levan anos “a remexer nos caixóns da memoria familiar e comunal, a convocar a persoas que protexeron os documentos privados e o relato transmitido de xeración en xeración e cultivaron con amoroso coidado os idos da lembranza íntima”.

Destacou que “tentamos organizar os espazos de emoción que motivou a escrita dos diarios, das cartas de despedida, da correspondencia enviada desde os cárceres e campos de concentración e recoller o testemuño oral das vítimas. Son elas, as súas familias, os seus herdeiros e herdeiras, vítimas da violencia insaciable do fascismo franquista, quen conservaron a memoria privada, íntima e clandestina, que logo, que hoxe mesmo, pode atinxir dimensión de memoria pública e colectiva”.

O investigador Alberte Blanco, pola súa banda, explica no seu escrito que nin a represión, a cadea ou o medo logrou vencer ao clan dos Carrapuchos (como denominaban ao clan de Roxelio, Pepe e Belarmino, republicanos, activistas políticos e sindicalistas no Concello de Vilaboa) pois eles e parte da súa descendencia continuaron a loita antifranquista e polas liberdades na clandestinidade e durante a posterior reforma democrática. “Este libro pretende dar a coñecer a pequena historia duns mozos comprometidos co seu tempo e co seu país”, subliñou.

Neste sentido, destacou que Xosé, por exemplo, foi acusado dun feixe de delitos “curiosos”: de ser presidente das xuventudes socialistas, secretario da Sociedade de Agricultores, de participar coma interventor nas eleccións e presidir manifestacións. “Naquel mundo ao revés, o exercicio de actividades legais, outrora cívicas e honrosas, pasaban a ser condutas aborrecíbeis e contenábeis”.

O seu Consello de Guerra ditaminou sentenza para o seu ‘paquete’ (o grupo co que foi xulgado) con pena de reclusión perpetua a 30 anos. Dende entón, Xosé Casal pasou 37 días na Normal de Pontevedra, outros 21 no Cárcere, 190 no Lazareto de San Simón, pasou polo cárcere provincial de Pamplona e viviu outros 1.208 días no Penal Forte San Cristóbal de Navarra. En novembro de 1944 comunicáronlle o licenciamento definitivo da condena, nun momento en que a liquidación de penas formaba parte dunha estratexia global de Franco para modular o Réxime ante a perspectiva da derrota de Alemaña e a desaparición de Hitler como soporte da ideoloxía fascista.

Relacionadas

A Deputación lidera un grupo de traballo para previr os efectos do cambio climático...

0
O deputado de Innovación e Desenvolvemento Sostible, Jorge Pumar, está a participar na reunión de lanzamento do proxecto ThermEcoWat que se celebra estes días...

O Marcos Valcárcel acollerá o 2 de abril o remate do curso 23-24 do...

0
O acto incluirá un concerto didáctico e unha Máster Class do artista armenio Hovhannes Karakhanyan, especialista na frauta coñecida como “Duduk”, instrumento con máis...

A Deputación inicia a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá...

0
Marisa Crespo-Leiro (Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de...

O Concello lanza un novo sorteo de 100 tarxetas regalo de 50 euros por...

0
A campaña arrancará desenvolverase entre o 1 e o 30 de abril. Pódese participar a partir de 30 euros de compra, depositando os tickets...

Cinco estreas na XIV Semana de Teatro Amador

0
O Teatro Municipal acollerá do luns 1 ao venres 5 as novas montaxes dos grupos de teatro CAI, Chirlomirlo, Aloia, San Fins, e A...

59 días para a marcha cicloturista Sestelo-Clásica Álvaro Pino

0
O alcalde de Covelo e a organización da marcha reúnense para ultimar os preparativos A 59 días da celebración deste evento que recorre o Condado,...

Publicacións Relacionadas