HomePontevedraA ParadantaA Deputación retoma esta fin de semana as actividades do programa +Bosques...

A Deputación retoma esta fin de semana as actividades do programa +Bosques con catro percorridos pola illa de Tambo e polo río Xabriña

- Anuncio -spot_img

As actividades, con todas as prazas esgotadas para participar nas rutas do mes de setembro, esténdense ata finais de outubro

A Deputación de Pontevedra continúa a ofrecer esta fin de semana as actividades do programa provincial +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e que permitirá ás persoas participantes, 15 por quenda, gozar das vantaxes dos denominados “baños de bosque”. Este sábado 6 de setembro terán lugar na illa de Tambo, en Poio, mentres que o domingo 7 no río Xabriña, en Covelo. Todas as prazas para participar nas rutas de setembro están completas e esgotándose en cuestión dunha hora trala apertura da inscrición.

A illa de Tambo é un lugar especialmente idóneo para atopar elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a Praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue. Pola outra banda, a ruta do río Xabriña destaca pola súa frondosa fraga, un escenario terapéutico polo que corre un regato con rápidos e pequenas fervenzas salpicadas de pontellas, muíños, fontes, corredoiras e pasadizos de musgo que facilitan unha experiencia de mergullo nun bosque caracterizado pola súa frescura.

Os espazos naturais que forman parte da oferta de +Bosques este ano son a ruta do Xabriña (Covelo) e da Pedra e da Auga (Meis), O Carreirón (A Illa de Arousa), Cabo Udra (Bueu), o Pazo de Lourizán (Pontevedra), a Illa de Tambo (Poio) e o río Eifonso (Vigo). Este ano a Deputación duplicou a oferta de percorridos por estes sete espazos da costa e o interior da provincia, que permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas, algunhas delas pola tarde, pretenden proporcionar ás persoas participantes unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do “baño de bosque” e a conexión directa en e coa natureza. Deste xeito, promoverase  a estimulación sensorial a través do olfacto, o tacto, a vista, o oído e o gusto, así como realizaranse exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Ademais dos percorridos desta fin de semana, durante este mes de setembro +Bosques continuará con novas visitas á Illa de Tambo, o 20 de setembro, polo Carreirón os días 13 e 28 de setembro, con visitas ao Pazo de Lourizán os días 14 e 27 de setembro e con percorridos pola Ruta da Pedra e da Auga o 21 de setembro.

Publicacións Relacionadas