A deputada Isabel Couselo recorreu esta actuación de seguridade viaria que se está a desenvolver nesta estrada provincial ao abeiro no acordo marco de cunetas na rede viaria da Deputación, dotado con preto de 2 millóns de euros
A Deputación de Pontevedra está a executar cunetas de seguridade e obras de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-2503 Cerquido-Borralliño no Concello de Salceda de Caselas. A deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, Isabel Couselo, recorreu a actuación que se está a desenvolver nun ramo de 120 metros desta estrada provincial. Trátase dunha obra enmarcada no acordo marco de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a preto de 2 millóns de euros.
Segundo destacou Couselo, as obras que se están a realizar no Concello de Salceda de Caselas trátanse de operacións de mellora da seguridade viaria mediante a execución de cunetas na marxe esquerda da estrada provincial EP-2503 Cerquido-Borrlliño, entre os puntos quilométricos 0+540 e o 0+660. “Mediante estas cunetas de formigón armado – tal e como recordou a deputada- non só se vai mellorar a drenaxe da estrada mediante a evacuación das augas pluviais, senón que se vai xerar un espazo transitable máis seguro para os peóns”. A actuación en Salceda contempla a execución de cunetas, a colocación de tubaxes para drenaxe, a execución de arquetas e recrecido de pozos.
Isabel Couselo lembrou que esta é só unha das actuacións incluídas no acordo marco de obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación de Pontevedra, que ascende a 2 millóns de euros e que, no que respecta á zona na que se sitúa Salceda de Caselas, o lote 4, supón un investimento de preto de 650.000 euros.