Persoal técnico do Servizo de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación de Pontevedra visitou hoxe a EP-1302 Beluso-Cabo Udra, en Bueu, para ultimar as propostas para a redacción dun novo proxecto para proceder á remodelación desta estrada provincial. Trátase dun proxecto iniciado no ano 2018 e redactado polo anterior goberno e que, o pasado mes de setembro, e tras escoitar as demandas da veciñanza e grazas á intermediación da antiga deputada provincial Isabel Couselo, o alcalde, Félix Juncal, acordou modificar, co obxectivo de incluír os requirimentos de veciños e veciñas.
Entre as propostas que están a ultimar os técnicos provinciais para o novo proxecto, e que serán remitidas en breve ao Concello, atópase incluír unha senda peonil, unha das principais demandas da cidadanía de Bueu, que pedían dotar á zona dun espazo público seguro para as persoas, algo que non garantía o proxecto existente.