Desde o BNG de Meis queremos denunciar, unha vez máis, a grave situación na que se atopa o sistema sanitario no noso concello. As citas continúan sufrindo un atraso inxustificábel, o que provoca o colapso dos hospitais de referencia debido á tardanza na atención médica en Atención Primaria.
Actualmente, a demora media para unha cita presencial supera os oito días, co risco engadido de chegar á consulta e non ter médica, como xa ten acontecido. Mentres tanto, o SERGAS, lonxe de dar solucións reais, limítase a botar balóns fóra. Esta situación obriga a moitas persoas a acudir aos servizos de urxencias, provocando a súa saturación por falta de previsión da Xunta. O que está a acontecer en Meis repítese tamén nos concellos limítrofes que fan uso destes mesmos servizos.
Por outra banda, no centro de saúde de Mosteiro a praza médica pode quedar vacante até o vindeiro 20 de febreiro. Tras poñernos en contacto co persoal do SERGAS, asegúrannos que a praza sería cuberta, pero sen garantir que sexa pola mesma persoa, todos os días nin co mesmo horario, o que xera unha evidente inestabilidade na atención sanitaria.
Desde o BNG de Meis sabemos, por experiencia, que o único xeito de que a Xunta cubra minimamente as prazas sanitarias é a través da mobilización e da queixa cidadá. Por iso, desde o BNG de Meis continuamos a estar na rúa, defendendo a nosa sanidade pública e impedindo a súa destrución programada por parte do PP.



