A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, visitou hoxe o Campo de Voluntariado Internacional “Aldea Alfacuca”, que se celebra en Mos entre o 10 e o 21 de agosto, cun total de 13 participantes de entre 18 e 30 anos chegados de diferentes puntos de Galicia, do resto do estado como Madrid, Toledo, Zaragoza, Valencia, Euskadi ou Illas Baleares ou doutros países como Italia, Alemaña ou México.
Durante a súa visita, a conselleira puido coñecer de primeira man o traballo que están a realizar as mozas e mozos participantes, centrado na posta en valor da Aldea Alfacuca e a conservación do seu entorno natural e etnográfico. As accións deste ano, dentro Campaña Modo Verán Activo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de la Xunta de Galicia, inclúen a retirada de especies exóticas invasoras, a reforestación con árbores autóctonas, a creación dunha horta comunitaria ecolóxica, así como labores de mantemento do xardín sensorial, bosque comestible, rosa dos ventos aromática e composteiro veciñal.
A actividade compleméntase con excursións culturais e de lecer, como a Ruta dos Muíños en Pereiras, visitas ao Pazo de Mos, á Serra do Galiñeiro ou á vila de Redondela, e veladas de convivencia como a observación das Perseidas no Monte de Louredo.
Este campo de voluntariado, de especialidade medioambiental, chega este ano á súa cuarta edición consecutiva, consolidándose como unha experiencia de formación, convivencia intercultural e compromiso social. O Concello de Mos colabora, como en anteriores edicións, coa cesión de espazos e recursos técnicos e materiais necesarios para o desenvolvemento do programa.
A conselleira destacou a importancia destas iniciativas para educar na participación, no coidado do medio e no respecto ao patrimonio, ofrecendo á mocidade unha oportunidade única de aprendizaxe e implicación comunitaria.