― O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe, número 182, a orde da Consellería de Sanidade co seu nomeamento
― Ata agora ocupaba o posto de directora do distrito sanitario de O Salnés, onde fora presentada en público a inicios do pasado mes de xaneiro
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica na súa edición de hoxe, número 182, a orde da Consellería de Sanidade segundo a que se nomea a María Encarnación Lucas Bermejo coma directora de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, posto que deixara vacante no pasado mes de xuño Yolanda Sanduende Otero, ao pasar a ocupar a Dirección Asistencial.
Ata agora, a doutora Lucas tiña coma responsabilidade a Dirección do distrito sanitario de O Salnés, onde fora presentada en público a inicios do pasado mes de xaneiro.
Nacida en Madrid en 1983, é licenciada en Medicina e Cirurxía Xeral pola Universidade Complutense de Madrid e fixo a especialidade en Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
O seu período de especialización permitiulle adquirir unha alta capacitación profesional, entre a que destaca o manexo médico e o tratamento cirúrxico dos pacientes traumatizados e politraumatizados de alta e baixa enerxía, así como o seu alto grao de formación en subespecialidades como a cirurxía de substitución articular e a cirurxía da man. Durante este mesmo período de formación realizou igualmente actividades investigadoras, comunicacións e publicacións científicas relacionadas coa súa especialidade.
Actualmente posúe praza fixa como Facultativo Especialista de Área no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), tras resolverse o último concurso de traslados do Sergas en novembro de 2023. Antes conseguira a praza por concurso-oposición no Hospital de Puerto Real (Cádiz), se ben, dende a finalización do MIR, sempre exerceu a súa actividade laboral no CHUP, onde permanecera en situación de comisión de servizos ata este outono.
Así mesmo, salientar que conta cun Máster en Xestión Sanitaria e Hospitalaria impartido pola escola de negocios IFFE Business School, froito do seu interese polo mundo da xestión hospitalaria.