O Concello inaugura este venres 15 a escola tras a súa reforma integral cun acto aberto á veciñanza, unha mostra fotográfica en homenaxe á escola rural e unha chocolatada de balde
A Escola Unitaria de Tabagón reabre as súas portas como símbolo de compromiso co ensino rural no Rosal e da preservación da historia educativa no municipio. Tras a súa reforma integral, o Concello inaugura este espazo emblemático do municipio que se converterá agora na sede do CRA María Zambrano, garantindo así o futuro da educación rural no Rosal.
A inauguración terá lugar este venres 15 de novembro ás 17.00 horas cun acto aberto a toda a veciñanza no que participarán a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís; o concelleiro de Educación, José Carlos Martínez Crespo; e o subdelegado do Goberno, Abel Losada, para poñer en valor o ensino rural.
A xornada contará ademais coa apertura da exposición fotográfica ‘Memorias da Escola Rural’, unha recompilación de fotografías antigas achegadas pola veciñanza na que se recollen imaxes relacionadas co alumnado das escola unitarias que marcaron o pasado educativo do municipio. Ademais, poderán verse imaxes das instalacións antes e despois de acometer as obras de reforma integral nas que se poderán ver a evolución do inmoble. A exposición poderá visitarse o propio venres 15 de 17.00 a 21.00 horas e o sábado 16 de 10.00 a 13.00 horas.
“Con esta mostra queremos recoñecer e agradecer o legado educativo de xeracións pasadas, dándolle unha nova vida a un espazo emblemático”, resalta a rexedora. Fernández Callís convida a toda a veciñanza a participar nesta xornada que contará tamén cunha chocolatada gratuíta para todas e todos os asistentes.