Persoal técnico de diferentes concellos da provincia realizarán este xoves unha visita ao municipio, analizarán as obras realizadas e debaterán sobre como priorizar as persoas fronte aos coches no deseño urbano
O ‘Obradoiro’ contará coa presenza do xeógrafo Marius Navazo
O Concello da Estrada será este xoves protagonista e escenario do primeiro ‘Obradoiro’ da Facultade Ágora da Deputación, a iniciativa formativa provincial para achegar recursos ao persoal técnico e político dos concellos da provincia co fin de recuperar espazo público para as persoas. Persoal técnico de diferentes municipios da provincia visitará o municipio estradense para facer unha análise das obras realizadas ‘in situ’ e, co caso local de A Estrada como modelo, aprender xunto ao especialista Marius Navazo cales son as mellores fórmulas para priorizar ás persoas fronte os vehículos.
Segundo explica o deputado de Mobilidade e Espazo Público Uxío Benítez, o obxectivo dos ‘Obradoiros Ágora’ será adquirir coñecementos técnicos de forma concreta e práctica, visibilizar como se vai plasmando a filosofía Ágora no espazo público dos ‘Concellos Ágora’ e adquirir formación mediante o debate colectivo e en grupo.
“Temos que tomar conciencia de que a nosa defensa do espazo público e a materialización das ideas de recuperación deste non é unha excepción. É unha práctica cada vez máis estendida, polo que é preciso empoderarse e ser conscientes de que estas ideas son as ideas do futuro, futuro apoiado nun presente moi real e xa non exclusivamente teórico porque a utopía xa se está materializando”, subliña o nacionalista, quen salientou que A Estrada foi elixido como sede do primeiro ‘Obradoiro Ágora’ posto que se está a converter nun “referente” pola aplicación da filosofía provincial.
O obradoiro estará integrado por unha sesión en sala e unha visita comentada a espazos públicos considerados casos de boas prácticas. Así mesmo, contará coa participación dunha persoa experta de recoñecido prestixio (‘Observador Ágora’) que sumará ás dinámicas de traballo os seus coñecementos e impresións. No caso de A Estrada será o xeógrafo Marius Navazo, que xa estivera dentro do corpo docente na primeira edición da Facultade, abordando a conveniencia de utilizar as plataformas únicas “como ferramentas de deseño que promoven a inclusión social”.
A xornada comezará ás 9.30 da mañá cunha ‘deriva de observación’ por parte das persoas matriculadas. Despois farase a exposición do caso local de A Estrada por parte de persoal do Concello e iniciarase o debate conxunto. Pola tarde haberá unha visita comentada ás diferentes actuacións realizadas polo Concello.
En xeral, a xornada de traballo servirá para aplicar conceptos teóricos adquiridos na primeira edición da Facultade durante o ano pasado. Quérense buscar solucións prácticas a necesidades que se repiten en todos os concellos: saber como repartir o espazo público, como utilizar criterios de deseño, como resolver interseccións, ou como xestionar o tráfico, entre outras cuestións.
Asistirán ao obradoiro de A Estrada representantes políticos e técnicos de concellos de Tomiño, A Cañiza, Tui, Pontecesures, Cerdedo-Cotobade, Vilagarcía de Arousa, Vilaboa, entre outros, así como persoal provincial responsable da redacción de proxectos de reforma urbana, e integrantes de consultoras que traballan para as administracións públicas, sendo a asistencia restrinxida para unha correcta celebración do evento dada a súa tipoloxía práctica. Os seguintes ‘Obradoiros Ágora’ celebraranse en Tomiño, Ponteareas e Vilagarcía de Arousa.