o Os traballos consistiron na plantación de máis de 40 árbores, na creación de novos accesos e zonas con vexetación, nna pavimentación da parte central e na instalación de fontes e pezas de iluminación
o O alcalde, José López, asegura que se trata dunha “actuación sobresaínte” e destaca a implicación política, técnica e social para converter este espazo “nunha zona de referencia” para a veciñanza
o Durante a mañá completouse a retirada dos valados metálicos do casco urbano e reubicáronse as zonas de carga e descarga fóra das zonas peonalizadas
O Concello da Estrada reabriu por completo para os peóns a Praza da Feira esta mañá coa retirada do valado metálico que rodeaba a súa parte central, logo de rematar as obras de humanización neste espazo case oito meses despois dende o seu comezo, conseguindo manter deste xeito as previsións de ter completados os traballos antes do verán a pesares da crise de subministros.
As actuacións, por valor de 656.584 euros, foron cofinanciadas a través dos fondos europeos EDUSI e do plan Ágora da Deputación de Pontevedra e deseñadas polo estudo RVR Arquitectos co nome de “Baixo as árbores”, logo de ser sometido este proxecto a un procedemento de participación pública e resultar gañador coa maioría dos votos.
Durante os traballos de humanización levouse a cabo a plantación de máis de 40 árbores, a meirande parte delas repartidas en dúas fileiras na parte central da praza para crear unha bóveda de follaxe co paso do tempo baixo a que poder desenvolver todo tipo de actividades, enchendo de vida este espazo e eliminando o impacto das edificacións que o rodean. Entre os límites da praza e os edificios da súa contorna creáronse zonas de actividade para dinamizar esos espazos; construíuse un acceso en grada ao Campo da Feira para unificar as superficies e reducir o desnivel; instaláronse dúas fontes e colocáronse pezas de iluminación. Para a parte central da praza empregouse un material filtrante e compacto tipo Terraway, cun baixo impacto ecolóxico. Nas vindeiras semanas temén se levará a cabo a instalación de bancos de gran tamaño á sombra das árbores, unha vez rematen as festas do San Paio e liberen o espazo as atraccións de feira.
O alcalde da Estrada, José López, referiuse ao resultado destos traballos como unha “actuación sobresaínte” da que todo o mundo debe sentirse orgulloso e destacou a implicación política, técnica e social para conseguir executar “un dos proxectos con mellor retorno” de todos os que se levaron a cabo no municipio, grazas ao que se volta “aos inicios da Praza da Feira” coa recuperación do espazo para a veciñanza. Ademais, esta humanización tivo continuidade cara outros espazos como a rúa Ulla e a Porta do Sol incluídas no proxecto- e a rúa Calvo Sotelo, para evitar que se tratasen de actuacións independentes, senón que “responderan a un fío condutor ben planificado urbanisticamente”, acadando a integración real do peón nos espazos centrais da vila, explicou López.
O rexedor local tamén asegurou que a nova pavimentación da parte central da praza “ten unha durabilidade garantida” pola empresa construtora e mais o arquitecto encargado do proxecto. O obxectivo a partir de agora, engadiu o alcalde, é que a Praza da Feira pase de ser unha zona completamente marxinal, “unicamente aproveitada durante os mércores de feira”, a que se convirta “nunha zona de referencia para a veciñanza” e pase a ser un dos grandes centros da actividade lúdica, cultural e de ocio da vila, algo que xa se comezaba a notar durante as últimas fins de semana aínda coas obras sen rematar.
Retirada dos valados e reorganización das zonas de carga e descarga
Durante a mañá tamén se completou a retirada de todos os valados metálicos ubicados en varios espazos recentemente humanizados do casco urbano e instaláronse tres xardineiras en cada un dos dous treitos da rúa Calvo Sotelo para limitar o paso unicamente a aqueles vehículos que teñan que acceder aos garaxes. Ademais, tamén se desprazaron os pivotes que delimitaban a curva entre as rúas San Antón e Gradín para facilitar o xiro de vehículos de gran tamaño.
Paralelamente, elimináronse as zonas de carga e descarga das rúas peonalizadas e creáronse outras novas: dúas delas na Praza de Galicia, unha a cada lado da rotonda, anulando deste xeito o carril da dereita; unha no treito entre a rúa Justo Martínez e a Praza do Concello; outra na contorna da Praza da Feira; outra na rúa Gradín; e outra no lateral da Praza do Concello. Ademais, manteranse as xa existentes na Porta do Sol, na rúa Alfonso R Castelao e na rúa Irmáns José e Severino Trigo.
As paradas de autobús, ubicadas ata o de agora na contorna da Porta do Sol e na Praza de Galicia, tamén mudaron a súa localización cara espazos máis axeitados. Creáronse catro paradas de autobús na Avenida Benito Vigo en ambos sentidos da estrada, dúas delas á altura do Concello e as outras dúas á altura do edificio da Tesoureiría Xeral da Seguridade Social.
Estes traballos completaranse o luns coa retirada dos valados metálicos da Praza do Concello e da rúa Serafín Pazo e a colocación de xardineiras na parte superior da rúa Serafín Pazo e no remate da Praza do Concello cara a rúa Justo Martínez.