O alumnado do ciclo de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona visitou Tomiño para coñecer como a celebración de eventos e actividades traspasa fronteiras
As aulas quedaron atrás por un día para converter Tomiño nun espazo de aprendizaxe viva, práctica e compartida. O concello acolleu a visita do alumnado do ciclo superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo de Baiona, que se achegou á vila para coñecer de primeira man o funcionamento das dinámicas transfronteirizas da Eurocidade Cerveira-Tomiño e a organización de actividades culturais, sociais e deportivas conxuntas, así como para descubrir os servizos municipais dirixidos á mocidade, á cultura e á participación social.
Durante a xornada, o grupo foi recibido no Concello, onde puido afondar no papel da Eurocidade como ferramenta de cooperación real entre territorios veciños. A visita completouse cun percorrido por distintos espazos municipais clave, como a OMIX, a biblioteca do Espazo Isaura Gómez e o mercado, exemplos prácticos de como a programación cultural, xuvenil, educativa e de voluntariado se pensa e se desenvolve con visión compartida en moitos espazos a ambas beiras do Miño.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “a Eurocidade é un proxecto vivo que vai moito máis alá das institucións, porque permite crear programacións conxuntas, compartir recursos e ofrecer oportunidades reais de participación á veciñanza”. A rexedora destacou tamén a importancia deste tipo de visitas formativas, xa que “permiten que o alumnado coñeza modelos de traballo innovadores baseados na cooperación, na creación de redes e na dinamización social dun territorio común”.
Ao longo do encontro explicáronse as funcións da OMIX e dos departamentos de Cultura, Mocidade e Voluntariado, así como a súa implicación nos diferentes proxectos e eventos transfronteirizos desenvolvidos no marco da Eurocidade Cerveira-Tomiño. Un intercambio de experiencias que serviu para amosar como a animación sociocultural pode ser unha ferramenta clave para fortalecer vínculos, identidade compartida e cohesión territorial e como a Eurocidade é un verdadeiro laboratorio de cooperación en todos os eidos.



