Até decembro celebraranse 14 eventos de 10 modalidades deportivos que reunirán a máis de 8 mil participantes
A Eurocidade Tui-Valença presentou esta mañá o seu calendario deportivo para este ano 2026, formado por catorce eventos de 10 modalidades deportivas que conforman unha programación única en Europa compartida entre dous municipios de dous países.
Até decembro máis de 8 mil persoas participarán nas distintas probas previstas que suporán un investimento superior aos 65 mil euros.
Así se deu a coñecer esta mañá na presentación deste Calendario Deportivo da Eurocidade Tui-Valença na Pousada de San Teotonio por parte do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Cámara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Óscar Silva.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, remarcou na súa intervención a singularidade desta oferta afirmando que se trata “dun calendario único na Europa occidental”. Motivo polo que dicía temos que felicitarnos, e no que os grandes protagonistas son os deportistas e os promotores dos distintos eventos, a quen amosaba a gratitude polo seu labor. Reafirmou o compromiso da Eurocidade con “este calendario do que nos sentidos orgullosos”. No mesmo senso pronunciouse o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, afirmando que “este calendario deportivo é un orgullo para a Eurocidade”.
O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, foi o encargado de anunciar as probas deportivas que terán lugar en instalacións tudenses e que comezan esta mesma fin de semana co Trail do Aloia. Avanzou coma novidade o I Trofeo de Hip Hop da Eurocidade. Incidía o concelleiro de Deportes de Tui en que este calendario cada vez rexistra unha maior participación con probas consolidadas e outras que inician a súa andaina. Pola súa o vereador de Desporto de Valença, Óscar Silva, avanzaba que grazas ás novas instalacións coas que se contan en Valença se incorpora ao calendario do I Torneo de Pump Truck Eurocidade. Volverán a celebrarse as andainas e caminhadas con carácter mensual entre marzo e decembro guiadas por Altitude e Celtas do Minho con percorrido por Fontoura, o convento de Monsteiró e o Monsteiro de San Fins en Valença, ou pola senda do Furnia, da Pedra Santa ou o Parque Natural do Monte Aloia en Tui.
Esta fin de semana o calendario deportivo da Eurocidade ábrese co Trail do Aloia que volve bater récord de participantes estando esgotadas as plazas tanto para os 12 kms coma para os 20 kms. Aínda están a tempo de anotarse os nenos e nenas para a proba que terá lugar o sábado.
En marzo as bicicletas serán as protagonistas coa celebración da XIII Eurocidade BTT que ten aberto o prazo de inscrición cun límite de 1.200 participantes. En abril celebrarase o X Torneo Mini Basquet Eurocidade e en maio o I Torneo de Pump Truck Eurocidade. Xa en xuño será a quenda I Trofeo de Hip Hop, da Rampa do Monte Faro e do XII Campionato Ibérico de Kung Fu. O X Torneo de Judo Eurocidade celebrase no mes de xullo e en setembro o XII Trofeo Eurocidade de Hoquei, e comezará o XII Torneo de Tenis. Para o 25 de outubro está prevista a 2 Leguas da Contrasta, en novembro celebrarase o XII Trofeo de Baile Deportivo e pechará o calendario a X Urban Trail Night Eurocidade.



