A exdeputada de Memoria María Ortega aprema ao Goberno a axilizar o expediente para declarar San Simón oficialmente lugar de memoria tendo en conta o movemento memorialista

adminON
Lectura mínima de 5

A nacionalista, que asistiu hoxe á visita institucional á illa, amósase satisfeita polo inicio da tramitación mais advirte que queda moito proceso por diante e que hai que garantir a eficacia da resolución final  

A ex deputada de Memoria Histórica María Ortega amosouse hoxe satisfeita polo inicio da tramitación para que a illa de San Simón, por fin, sexa declarada oficialmente lugar de memoria democrática, tal como o BNG, da man do movemento memorialista, reclamou publicamente dende o goberno da institución provincial durante a etapa do bipartito. A pesares da satisfacción, a nacionalista instou ao Goberno do Estado a axilizar o expediente e a incorporar as achegas de colectivos e asociacións. Subliña que a resolución final da declaración debe deixar moi claras, entre outras cousas, as restricións de usos para garantir respecto á memoria das vítimas.

Ortega asistiu hoxe ao acto institucional realizado na illa para conmemorar a incoación do expediente. Manifestou que é un día de ledicia para as familias das vítimas, para os colectivos e para as localidades que viviron o terror de ter persoas represaliadas no lugar porque supón “un paso importante, mais só simbólico, para que a declaración sexa unha realidade”.

A ex deputada de Memoria Histórica destaca que o inicio dos trámites non vai ter repercusión inmediata sobre o tratamento da illa e os usos que nela se poden dar, senón que é un primeiro chanzo. De feito, explicou que o proceso non acaba máis que de comezar, xa que polo menos deberá abrirse un período de información pública e alegacións que, segundo a súa visión, suscitará polémica.

Ortega manifestouse prudente ante o resultado e a eficacia final da declaración: “O expediente non está nin moito menos resolto. Agardamos que as cousas queden ben atadas e que a resolución final inclúa un réxime de protección e conservación que aclare todo o que ten que aclarar, sobre todo, con respecto ao plan de usos deste lugar, que debe ser tratado con respecto, non como ata o de agora”.

Ortega destaca que unha vez se avalíe toda a documentación San Simón deberá incluírse no Inventario Estatal de Lugares de Memoria e deberán implementarse actividades e iniciativas conmemorativas, didácticas e reparadoras. “A solicitude de San Simón como lugar de memoria xa superou o estado de ‘pendente’, mais queda aínda moito por facer”, advirte a nacionalista.

Subliñou ademais, que todo o proceso debe realizarse da man dos colectivos e asociacións e de maneira áxil. “No anterior goberno da Deputación traballamos da man sempre do movemento memorialista, que é como se deben facer as cousas”, sinalou, advertindo que os colectivos galegos presentaron solicitude formal para que San Simón tivese a declaración de lugar de memoria e o goberno central deixou pasar máis dun ano sen sequera contestar á solicitude, demorándose demasiado todo o trámite.

A Deputación

A responsable provincial, ademais de poñer deberes ao goberno do Estado, tamén fixo un chamado á reflexión ao goberno provincial da Deputación. Subliñou que debe tomar nota e apostar xa, aínda que só exista unha anotación preventiva de San Simón no rexistro de lugares de memoria, por outras localizacións para actos como os festivais musicais que organiza e que nada teñen que ver coa memoria histórica.

Ortega subliña que a Illa de San Simón foi “un espazo de represión, tortura e terror para miles de persoas represaliadas polo franquismo polo feito de defender políticas contrarias ao réxime ditatorial do 36”, e lembra que é urxente frear actividades que nalgúns casos supoñen “verdadeiras afrontas”.

A deputada nacionalista considera que a Deputación de Pontevedra, como goberno que conta cun departamento propio de Memoria Histórica, debe afrontar o proceso da declaración de San Simón como lugar de memoria sen poñerse de perfil e defender “a verdade, xustiza e reparación das vítimas”.

Comparte este artigo