- Ponteareas presentou o programa que inclúe inauguracións, obradoiros, catas de té, charlas, actuacións musicais e a apertura da exposición durante toda a fin de semana
Ponteareas, 17 de novembro de 2025.- O Concello de Ponteareas presentou hoxe, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, a nova edición da súa Exposición da Camelia, un evento que converterá a vila nun espazo de encontro para amantes da natureza, da arte floral e do patrimonio botánico. A programación desenvolverase ao longo dos días, 28 de novembro, 4 e 6 e 7 de decembro de 2025 na Casa do Concello e na Praza da Música e contará cun amplo programa cultural, divulgativo e participativo.
No acto de presentación a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra quixo salientar o empeño da alcaldesa de Ponteareas en recoñecer o importante papel de Galicia no cultivo da camelia sendo quen de poñer en marcha proxectos de éxito como a Ruta das Camelias que completa a experiencia turística con accións ligadas ao coñecemento da especie e tamén ao desenvolvemento cientíico de produtos como o aceite de camelia ou o té.
A alcaldesa destaca o valor cultural, turístico e identitario da camelia
Durante o acto de presentación, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou a profunda relación do municipio coa arte efémera e coa tradición floral: “Ponteareas é terra de alfombras elaboradas con pétalos e elementos vexetais. Fomos tecendo a nosa historia e facendo futuro da man desta arte e agora máis ca nunca sabemos a súa capacidade de atraer milleiros de turistas ao igual que o fai a camelia”.
A alcaldesa subliñou o valor estratéxico da camelia como recurso natural, turístico e identitario: “A camelia é, sen dúbida, un recurso cultural, botánico e turístico de enorme valor. Coñecer un cultivo é comprender un territorio. Esta exposición non é só un espazo de beleza, senón tamén un espazo de aprendizaxe, investigación e posta en valor.”
Ademais, destacou o traballo de proxección internacional como potente atractivo turístico que xa iniciou a Deputación de Pontevedra presentado esta “Flor de Galicia” no marco do Camelliae International Congress en Tokio,
Inauguracións, obradoiros, catas de té, charlas, actuacións musicais e exposición
Pola súa banda o tenente de Alcaldesa, Juan Carlos González Carrera, trasladou aos medios de comunicación a aposta do goberno pola recuperación da mostra, “a Exposición da Camelia é un evento que recuperamos logo de anos abandonada e polo que apostamos porque queremos que o noso Concello sexa o punto de encontro para amantes da natureza, da arte floral e do patrimonio botánico que representa esta flor tan especial para Galicia.” O Tenente de Alcaldesa presentou o programa completo de actividades, que inclúe inauguracións, obradoiros, catas de té, charlas, actuacións musicais e a apertura da exposición durante toda a fin de semana.
Tamén agradeceu o apoio das persoas e entidades colaboradoras, “quero agradecer o traballo e implicación de todas as entidades que participan nesta edición, especialmente a Antonio e Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia. Grazas ao seu esforzo podemos ofrecer unha programación diversa, divulgativa e aberta a toda a cidadanía.”
A presidenta da Sociedad Española de la Camelia, Carmen Salinero, suliñou o papel fundamental que este tipo de eventos teñen para a conservación e divulgación da especie: “As exposicións son fundamentais: animan ao cultivo, esperten interese e contribúen a que cada vez máis xente coñeza e valore a camelia. Grazas ao traballo continuado de institucións, produtores e afeccionados, Galicia é hoxe un referente internacional.”
PROGRAMACIÓN OFICIAL
Venres 28 de novembro
- 12:00 h – Inauguración da exposición “A Camelia, flor de galegas e galegos” na Praza da Música.
Charla-cata do té da Camelia.
Xoves 4 de decembro
- 17:30 h – Entrega de premios do Concurso de relatos ilustrados da Camelia (Sala Multiúsos, Auditorio Reveriano Soutullo).
Sábado 6 de decembro
- 13:00 h – Inauguración oficial da exposición na Casa do Concello, con actuación dun grupo de pandereteiras.
- 16:30–20:00 h – Apertura ao público da exposición.
- 16:30 h – Charla-cata do té da Camelia no Auditorio Reveriano Soutullo.
- 17:30 h – Obradoiro sobre a Camelia (Casa do Concello).
Domingo 7 de decembro
- 10:30–13:30 h – Apertura da exposición.
- 16:30–20:00 h – Apertura da exposición e clausura.
- 17:00 h – Actuación da Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios.



