- A exposición inaugúrase na rúa do Porto este xoves e estará ata o 6 de abril
O próximo xoves 26 de marzo ás 18:00h inaugúrase a exposición itinerante “A Camelia: flor das galegas e galegos”. A inauguración contará coa explicación da presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero, co deputado provincial, Javier Tourís e co alcalde da Guarda, Roberto Carrero.
Esta exposición permite coñecer a súa historia, os seus coidados, os produtos derivados, a influencia na moda, artes ou gastronomía e os seus diferentes nomes. O obxectivo é dar a coñecer todos os secretos e curiosidades desta flor.
Nos seus carteis informativos a cidadanía poderá descubrir a viaxe das camelias desde a súa orixe en Oriente ata converterse nunha das flores máis abundantes das Rías Baixas. A exposición estará na rúa do Porto ata o próximo 6 de abril.
Esta actividade está organizada pola Sociedade Española da Camelia e conta coa colaboración do Concello da Guarda, Camelia Galicia e a Deputación de Pontevedra.



