Os nacionalistas denuncian que non foi ata o mes de agosto cando se aprobou unha modificación de crédito para poder facer fronte ao incremento no Orzamento para facer fronte a estes custos
O Bloque ten claro que a preocupación do alcalde e do Partido Popular pola seguridade da veciñanza “non sé sinceira”, como reflexa a situación actual do Servizo Municipal de Emerxencias
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo critica a falta de previsión do Goberno municipal do Partido Popular e do alcalde, Telmo Martín, que provoca que fose necesario realizar unha transferencia de crédito para poder pagar ‘in extremis’ as gratificacións e complementos de produtividade de funcionarios da Policía Local. Para iso, foi preciso convocar un Pleno extraordinario a finais do pasado mes de agosto, cos gastos correspondentes, ante unha situación que, tal e como indican os nacionalistas, “cun mínimo de xestión podería terse evitado, igual que o feito de ter que reducir outras partidas orzamentarias para poder acometer o pago das nóminas”.
Neste sentido, o grupo da oposición denuncia que no Orzamento aprobado en 2025 figuraban 60.000 euros para o abono destas gratificacións. Finalmente, serán necesarios máis de 130.000 euros para facer fronte a estes costes. “É insólito que o Goberno local xustifique a estas alturas ese incremento facendo mención á ampla afluencia de turistas e de visitantes en Sanxenxo, tal e como consta nos informes de Intervención. Semella que o señor Martín descubriu a última hora que o noso concello é un destino turístico importante”, ironizou o voceiro do BNG, Fran Leiro, que ten claro que “a falta de previsión é flagrante e é un exemplo máis de que o alcalde só está interesado en promover a súa política de formigón e cemento. Está claro que estes gastos poderían terse xa orzamentado moito antes, sen necesidade de andar con improvisacións deste tipo”, engadiu.
Por outra banda, o grupo municipal do BNG ten claro que a suposta preocupación do Goberno local pola seguridade da veciñanza “non é sinceira”, como demostra a precaria situación na que se atopa o Servizo Municipal de Emerxencias. “Non hai máis que ver a precaria situación na que se atopa o Servizo Municipal de Emerxencias, sen cumprir co número mínimo de integrantes das gardas, sen pagar horas extra e sen cubrir baixas, para darse conta de que a seguridade das nosas veciñas e veciños non é algo que sexa motivo de interés para Telmo Martín”, denuncian os nacionalistas. Sobre este aspecto, asemade, Fran Leiro lembrou na sesión plenaria que a día de hoxe os profesionais da Policía Local están a cobrar as horas extra por debaixo do que marca o convenio.
O BNG abstívose na votación desta transferencia de crédito, xa que “non queremos prexudicar a ningún traballador”. Iso si, o Bloque deixa claro que seguirá denunciando e fiscalizando a “política chapuceira e de improvisación absoluta de Telmo Martín”, quen “nada máis comezar o mandato o primeiro que fixo foi subirse o seu soldo e aumentar impostos”.