O MONOGRÁFICO DO CAN DE PALLEIRO, O V CONCURSO DE MANEXO DO PORCO CELTA, O CONCURSO DE TORTILLA ESPAÑOLA OU UN ASOMBROSO ESPECTÁCULO CON CABALOS, PONIS, AGUIAS E CANS SUMÁRONSE HOXE AO CERTAME, ENTRE OUTRAS PROPOSTAS
A Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal pecha hoxe as súas portas, conta de novo nesta xornada cun amplo programa no que numerosas propostas se suman tanto ás celebradas todos os días como ás que se incorporaron onte, sorprendendo de novo aos visitantes.
En canto ás actividades caninas, celebrouse a XIII Proba da liga Autonómica de Agility e tamén o XVI Concurso Morfolóxico. Neste último, en Promesa do Día venceu Chipas (de Oímbra), en Macho do Día o gañador foi Quin (San Cibrao das Viñas) e en Femia do Día o primeiro posto foi para Erva (Castrelo do Val).
Esta mañá rematou ademais o XI Concurso Internacional de Cabalos de Pura Raza Árabe, denominado Galician Championship E.C.A.H.O Internacional C, organizado pola Asociación Galega de Criadores de Cabalos Árabes (AGCCA). Sumouse o trail de primavera con cabalos de pura raza árabe, organizado tamén por AGCCA, o cal consistiu en superar probas de obstáculos cometendo o menor número de erros posible, tanto montados como a man, e con diversas especificidades en función do nivel de dificultade.
Tamén as propostas de motor están presentes, celebrándose neste caso exhibicións acrobáticas de stunt a cargo do piloto AV Campos.
Salimat, Turexpo e Fecap
O Salón de Alimentación do Atlántico está a ofrecer atractivas propostas, entre as que hoxe destacou o IV Concurso Popular de Tortilla Española D.O.P Baena e varios showcookings e demostracións, como a de coctelería a cargo de Sonia García Durán, barman do Hostal dos Reis Católicos. Tamén en Festur destacaron actividades das festas de interese turístico, como as degustacións do Carneiro ao Espeto de Moraña, Pan de Cea ou Patacas de Coristanco, ademais dunha demostración de palilleiras de Camariñas.
E en canto á feira de caza, pesca e natureza, Fecap Abanca, os visitantes puideron gozar hoxe da Mostra, Presentación e Desfile de Cans de Caza de Galicia e tamén da exhibición de cans de raza Pointer Inglés, entre outras propostas xa desenvoltas estes días no certame. Ademais, na área gandeira dispútase o V Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta.
Un sorprendente show ecuestre, o broche final
O programa da feira pecharase cun sorprendente show ecuestre con cabalos, ponis, aguias e cans. Participará unha vintena de animais en sete números moi dinámicos de doma en liberdade que combinarán a doma de alta escola con exercicios tan arriscados como a “posta húngara”, na que Paco Martos, condutor do espectáculo, se subirá a dous cabalos ao mesmo tempo cun pé no lombo (protexido) de cada un deles. (Enviarase fotografía coa nota de peche)

