A Feira Internacional Abanca Semana Verde arrincou hoxe a súa 46ª edición, a cal foi inaugurada polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Nesta cita o certame alcanza o súa mellor cifra de expositores directos dos últimos 17 anos, estando presentes 746 empresas e entidades de seis países. Ademais, rexistra novos récords nos salóns de alimentación e turismo. Así, Salimat Abanca, consegue a súa maior cifra de expositores, con 277 empresas que superan nun 3,3% a súa mellor edición, a de 2022. Pola súa banda, Turexpo Galicia, chega aos 98 expositores e unha superficie de 1.624 metros cadrados, o que supón respectivamente un 3,1% e un 2,6% máis que na súa mellor edición, a do ano pasado.
Precisamente nestes dous salóns centráronse hoxe as propostas máis profesionais, coas que arrinca o programa de actividades da feira. Así, en Salimat Abanca comezaron os seus Encontros Internacionais de Compradores, que reúnen ata mañá a 33 importadores e distribuidores de 19 países, mentres que en Turexpo Galicia tamén o fixo a Bolsa de Contratación Turística, con 33 operadores turísticos con presenza en 11 países que buscan propostas no salón.
Ademais, na feira de alimentación celebráronse distintos showcookings orientados especialmente a importadores, compradores alimentarios e profesionais do sector gourmet.
Sumáronse, na área de gandería, os concursos morfolóxicos das razas autóctonas en perigo de extinción, onde se elixiron os mellores exemplares co obxectivo de promocionar estas razas e incentivar aos criadores á súa mellora xenética.

