HomePontevedraDezaA feira de seguridade, defensa e emerxencias SEDEXPO 2023 comeza mañá con...

A feira de seguridade, defensa e emerxencias SEDEXPO 2023 comeza mañá con 209 firmas de 24 países e un programa con gran espectacularidade

- Anuncio -spot_img

• O CERTAME CELEBRARASE ATA O XOVES NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

• ENTIDADES E DEPARTAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA E A ADMINISTRACIÓN CENTRAL, AS FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO E DISTINTAS EMPRESAS ORGANIZARÁN CONFERENCIAS, TALLERES, PRESENTACIÓNS, EXHIBICIÓNS E ESPECTACULARES SIMULACROS

A II Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2023, abre mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. E faino volvendo marcar a diferenza polo carácter dinámico da súa exposición e o alto nivel do seu programa de actividades.

En canto á súa área expositiva, contará con 209 firmas expositoras de 24 países, das cales 83 son expositores directos de dez países, Alemaña, España, Francia, Israel, Italia, Letonia, México, Países Baixos, Paquistán e Portugal, e ocuparán unha superficie de 3.616 metros cadrados netos, os cales sumados aos destinados a actividades serán máis de 28.000 brutos. Unhas cifras que supoñen que os expositores directos ocupen un 5,4% máis de espazo e procedan dun 42% máis de países que na anterior edición, sendo ademais o número de empresas estranxeiras presentes un 29% máis.

Esta exposición, na que contarán con maior desenvolvemento os ámbitos de seguridade e emerxencias, mostrará equipamento e sistemas de seguridade pública e privada, material para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Protección Civil e Emerxencias; equipos de protección individual, tecnoloxía aplicada, ferramentas de ciberseguridade, análise e intelixencia; solucións de prevención de riscos laborais, equipos de emerxencias, dispositivos de detección e extinción de incendios, robótica, aeronáutica, simulación e servizos de consultoría e enxeñería, entre outros.

Dende o seu comité organizador e como colaboradores, apoian o certame unha vintena de entidades, colectivos e departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central. Ademais, conta co patrocinio da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Estas entidades, ademais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e numerosas empresas, organizarán un programa con multitude de propostas.

De atractivas conferencias a asombrosos simulacros

En canto ao programa de actividades de Sedexpo 2023 destacará tanto pola categoría das súas xornadas técnicas como polas súas magníficas demostracións e simulacros. As exhibicións suporán comprobar in situ as funcionalidades de produtos e sistemas que noutras feiras soamente poden verse de forma estática, mentres que os simulacros permitirán coñecer as capacidades e labor de distintas entidades de emerxencias e de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Serán máis de 50 as conferencias da feira, enmarcadas nunha vintena de xornadas técnicas e no II Congreso Internacional de Incendios Forestais de Galicia Interlumes, organizado pola Consellería do Medio Rural. Ademais da participación de recoñecidos expertos dos ámbitos da seguridade, defensa e emerxencias, destacará o interese dos temas abordados, entre eles solucións innovadoras para a localización de persoas extraviadas por medio de vehículos aéreos non tripulados, o presente e futuro tanto da seguridade privada como dos drons, a protección executiva público-privada, programas europeos de I+D+i en seguridade e emerxencias, mitos dos tiroteos, protección civil en emerxencias, incendios forestais de sexta xeración, seguridade en espazo públicos ameazados polo terrorismo, desafíos e solucións en seguridade, os bulos en emerxencias ou a evolución dunha fábrica de electrónica industrial á excelencia necesaria do sector defensa.

Sumaranse talleres como os de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, presentacións como a centrada en sistemas para xestionar grandes volumes de operacións con drons, asembleas e encontros.

Por outra banda, destacarán as numerosas demostracións que permitirá ver os produtos expostos en funcionamento, como un rescate na auga con vehículo acuático eléctrico, un posto de mando avanzado para coordinar os servizos públicos, privados e sanitarios en eventos, as de distintos drons ou a aplicación Alertcops. Tamén haberá simuladores, como o simulador 3D de condución de ambulancias en realidade virtual ou un de prácticas extremas en alto estrés en tiro simulado, pensado para que as forzas da orde, as forzas especiais e a seguridade consigan un mellor adestramento con escenarios dinámicos baseados en intelixencia artificial e instrución táctica. Ademais, fará parada na feira o Roadshow do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), unha experiencia orientada a ofrecer capacitación a todos os cidadáns en material de ciberseguridade a través de diversas actividades e espazos, como unha zona de gamificación, charlas, talleres, un scape room ou unha área de xogos.

Os simulacros serán espectaculares, como os realizados polo helicóptero Pesca 1 do servizo de Gardacostas de Galicia, consistente na recollida dun ferido en terra para o seu traslado ao hospital, e o protagonizado pola Garda Civil, que simulará a intervención ante un secuestro con arma branca e no que participarán distintos medios, entre eles un helicóptero. Tamén o serán o que recreará a extinción dun incendio con ataque combinado de medios aéreos e terrestres para a defensa dunha vivenda illada e manobras de autoprotección, organizado pola Xunta de Galicia, e o exercicio sobre futuras capacidades da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na procura de persoas desaparecidas

Publicacións Relacionadas