ATA O DOMINGO CONTA EN EXPOURENSE CUN STAND NO QUE SE DARÁN A COÑECER A 47ª ABANCA SEMANA VERDE DE GALICIA E OS SEUS SALÓNS PARALELOS DE TURISMO E ALIMENTACIÓN, TUREXPO GALICIA E SALIMAT ABANCA, QUE TERÁN LUGAR DO 5 AO 8 DE XUÑO
A Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) participa dende hoxe ata o vindeiro domingo na 25ª Feira Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, a cal se celebra no recinto Expourense (Ourense).
A entidade feiral está presente cun stand no que durante estes días daranse a coñecer as próximas edicións do seu salón alimentario Salimat Abanca e o seu certame turístico Turexpo Galicia, enmarcados na emblemática feira multisectorial Abanca Semana Verde de Galicia, a cal tamén se promociona en Xantar.
O Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia, que chega á súa 14ª edición e incluirá a XI Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), está inmersa no deseño dunha convocatoria que unirá unha vistosa exposición cun programa de actividades no que destacará a súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. Respecto ao Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, organiza xa a súa 28ª edición para converterse novamente en espazo de converxencia do sector alimentario e gastronómico a través dunha ampla exposición na que a innovación terá un espazo propio con Alinova e unha interesante programación na que destacarán os Encontros Internacionais de Compradores.
As tres citas terán lugar do 5 ao 8 xuño de 2025 xunto á 47ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, que tamén incluirá a 11ª Feira de Caza, Pesca e Natureza, Fecap Abanca, e moitos outros sectores que irán desde gandería, bioenerxía, xardinería ou ferramenta ata mobiliario, decoración ou artesanía, ademais doutros produtos e servizos.
Un acordo consolidado con interesantes resultados
Esta participación da Feira Internacional de Galicia ABANCA (FIGA) en Xantar enmárcase no convenio de colaboración que esta entidade feiral e a Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, Expourense, iniciaron xa en 2017 e ratificaron en 2022.
Un acordo cuxo obxectivo é promover accións de cooperación que contribúan ao desenvolvemento do sector feiral en Galicia, en sintonía co espírito da Asociación Galega de Feiras e Eventos (Agafe), e tamén, dunha maneira particular, ao fortalecemento destes dous recintos, para os cales este acordo supón resultados moi interesantes na promoción de distintos eventos.