- Éxito da XXXVIII edición da Festa da Ostra con máis de 45 mil persoas asistentes e máis de 100 mil ostras vendidas ao longo da fin de semana.
- A ostra ao natural e a experiencia Ostrés esgotaron as súas existencias.
Éxito de participación da XXXVIII Festa da Ostra. Adegueiros, ostricultores e empresarios trasladaron ao alcalde a súa satisfacción e agradecemento por unha organización que eles mesmo definiron como “espectacular”.
Unha edición contou cunha carpa poligonal de 12 metros de altura onde a ubicación dos stands da carpa estaban nun lateral deixando o privilexiado fondo da ría de Vigo con vistas das que se podían desfrutar mentres a xente degustaba as ostras e os albariños; nesta edición, un ano máis, contouse cun comedor coidado e unha ambientación adecuada e contouse con copas de viño serigrafiadas que permitiron, de novo nesta edición, que as e os asistentes degustasen e desfrutasen das ostras de Arcade nunhas condicións que nunca antes se viran.
O tempo acompañou e a Semana Santa tamén, así, deste xeito, a festa da Ostra, bateu récords de asistencia. O coincidir o venres coa Semana Santa, foi un éxito de participación tanto polo día como pola noite, cunha gran afluencia o venres e o sábado, e como non, o día grande, o domingo. Unha fin de semana onde se superaron máis de 45 mil asistentes e 100 mil ostras vendidas.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, destacou que “foi unha festa que se realizou co máis grandes dos agarimos para poder ofertar á veciñanza a mellor Festa da Ostra”.
Unha trixésimo oitava edición na que dende o Goberno Local tamén quixeron destacar o pregón da nosa veciña María Codesido García cheo de vitalidade, enerxía e emoción.
Manu Lourenzo quixo unha vez máis agradecer “o traballo inxente de todas as persoas que formaron parte da XXXVIII Festa da Ostra, adegueiros, ostricultores, empresarios funcionarios, empresas de montaxe… porque sen eles non sería posible acadar este resultado, é unha sorte formar parte dun equipo no que se traballa cos máis altos niveis de esixencia para mellorar a vida da veciñanza”.
Unha Festa que hoxe baixará o telón da XXXVIII edición co día do neno/a a partir das 17:00h. no Peirao de Arcade coa apertura das atraccións a prezos populares.



