HomePontevedraO SalnésA Furgo de Galiza Nova chega a Sanxenxo a pesar dos intentos...

A Furgo de Galiza Nova chega a Sanxenxo a pesar dos intentos do Partido Popular por impedilo

- Anuncio -spot_img

Marta Gómez, Secretaria Xeral de Galiza Nova: “Xa sabemos que o Partido Popular non está interesado en que o BNG traslade a súa mensaxe, pero iso non vai impedir que nós sigamos facendo o noso traballo”

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, presentaba o pasado fin de semana a campaña que realizarán por todo o país durante esta campaña electoral: unha furgoneta que percorrerá as diferentes cidades e vilas do país trasladando a mensaxe do BNG para a mocidade galega, cun posto informativo.

Neste percorrido, a organización xuvenil tiña previsto levar o posto a Sanxenxo neste mércores 28 de xuño, aproveitando as festas de San Pedro de Vilalonga, mais atopáronse coa negativa do concello a autorizar dita colocación. Segundo denuncia a súa Secretaria Xeral, Marta Gómez “Para nós é unha vergoña que o Partido Popular non nos permita colocar o posto tal e como o temos formulado e sabemos que atende única e exclusivamente a intereses partidistas”.

“O noso obxectivo é chegar á mocidade galega e trasladarlle as propostas que o BNG defenderá para nós no congreso, trasladar a necesidade de contar cun grupo galego forte en Madrid. O Partido Popular sábeo, sabe que iso é posible e ese é o motivo para non deixarnos colocar o posto”, sinala Gómez.

Pese a isto, Galiza Nova non renunciou a trasladar a súa mensaxe no día de hoxe como tiñan previsto: “Non colocamos o posto ao non haber permiso, pero non renunciamos a difundir a mensaxe e repartimos igualmente o noso material entre a veciñanza do concello, achegándonos do mesmo xeito ás festas de Vilalonga para repartir, o Partido Popular non vai amedrentarnos nin vai impedir que a mensaxe do BNG chegue por esta vía”

Así pois, a furgoneta chegou hoxe ao concello ás sete da tarde e as e os militantes de da organización xuvenil fixeron o traballo como tiñan previsto. Contaron ademais coa presenza de Fran Leiro, concelleiro do BNG en Sanxenxo e voceiro municipal, que axudou igualmente co traballo de difusión.

Publicacións Relacionadas