HomeVigoMosA Garda Civil inicia en Mos unha campaña informativa dirixida ás persoas...

A Garda Civil inicia en Mos unha campaña informativa dirixida ás persoas maiores para previr roubos, furtos e estafas

- Anuncio -spot_img

A Garda Civil iniciou hoxe en Costoias o Programa Plan Maior, unha serie de charlas informativas nas distintas parroquias do municipio de Mos, dirixidas principalmente ás persoas maiores, co obxectivo de previr posibles roubos, furtos ou estafas das que poden ser vítimas, especialmente aquelas que viven soas.

Esta iniciativa busca ofrecer consellos prácticos e información útil para mellorar a seguridade no ámbito rural e fomentar a confianza e comunicación directa coa veciñanza.

As sesións realízanse en grupos reducidos, co fin de crear un ambiente de confianza e proximidade que facilite que as persoas asistentes poidan expresar dúbidas, compartir experiencias e recibir orientación personalizada por parte dos axentes.

Durante as charlas, explícanse de forma sinxela e próxima as medidas de prevención máis útiles e como actuar ante situacións sospeitosas ou enganos, así como as canles dispoñibles para contactar coa Garda Civil en caso de necesidade.

A esta primeira charla asistiu a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, que agradeceu “a labor preventiva e de proximidade da Garda Civil, que achega información e tranquilidade ás persoas maiores, un colectivo prioritario nas políticas sociais e de seguridade do Concello de Mos”.

As charlas continuarán nas próximas semanas noutras parroquias mosenses, en colaboración coas asociacións veciñais e culturais locais, co obxectivo de chegar ao maior número posible de persoas.

Publicacións Relacionadas