- As campañas de sensibilización darán comezo coas visitas porta a porta
O Concello da Guarda pon en marcha un proxecto para mellorar a xestión dos residuos no municipio grazas á concesión a este concello das axudas da Xunta de Galicia financiadas con fondos europeos– NextGenerationEU.
A iniciativa céntrase na implantación do contedor marrón ou 5º contedor para a recollida separada dos residuos orgánicos no núcleo urbano do concello e nos grandes produtores deste residuo.
O que se recolla nos contedores marróns terá como destino a Planta de compostaxe de Vilanova de Arousa para a fabricación de compost, un excelente fertilizante para o solo.
O plan contempla campañas de sensibilización á veciñanza, centros educativos e diversos colectivos, comenzando coas visitas porta a porta a domicilios e establecementos hostaleiros e comerciais, ofrecer información e resolver as dúbidas que poidan xurdir.
O obxectivo é incrementar a recollida e aproveitamento de residuos orgánicos contribuíndo á sostibilidade ambiental e económica do concello.
O programa estará activo ata finais de outubro de 2025. Con esta actuación, A Guarda dá un paso máis no cumprimento da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados e reforza o seu compromiso coa economía circular e coa loita contra o cambio climático.