A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, fai o anuncio do inicio da obra en 2025, tras recibir a notificación de concesión dunha subvención do Plan Extra da Deputación
A Deputación de Pontevedra vén de anunciar esta mañá a listaxe de concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes que se beneficiarán do Plan Extra e entre o que se atopa o de Mos.
Dentro desta liña de axudas provinciais Mos acometerá a humanización da Estrada Pereiras-Tameiga, tal e como informa a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, quen ademáis apuntou que desde a administración local xa se está a traballar na redacción dos pregos de contratación da obra para iniciar os traballos neste mesmo ano 2025.
A axuda provincial incluída na liña do Plan Extra, Provincia Extraordinaria, concedida pola Deputación de Pontevedra para a acometida deste proxecto ascende a 900.000 euros.
Deste xeito, realizadas as cesións de particulares para esta senda, executarase agora este ambicioso proxecto de humanización que dá continuidade ao Plan Mos Humanizado.
Que se completase a humanización da estrada Pereiras-Tameiga era unha importante demanda veciñal, de ahí que as reunións cos veciños da zona, de cara a tratar o trazado exacto da nova senda, comezaran hai anos.
As cesións necesarias para completar a mellora da Estrada Tameiga-Pereiras realizáronse tras ter levado a cabo un estudo topogáfico previo, de medición pormenorizada e de estaquillado.
Esta nova senda peonil que completará a humanización da Estrada Pereiras-Tameiga, ven precedida da remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio. Grazas a ambos proxectos transfórmase totalmente esta zona.
O presuposto total de licitación da obra ascende a 1.494.888,91 euros e os traballos terán un prazo de execución de 12 meses desde o seu inicio. A lonxitude da actuación é de 1.414 metros e a superficie da actuación de 14.420,00 m2. Nela contémplanse 12 novos muros de contención cunha lonxitude de 927,25 metros.
A obra suporá unha ampliación da sección viaria, a creación dun itinerario peonil accesible e novas redes de servizo como nova rede de drenaxe e recollida e canalización das augas da nova zona humanizada con deseño de rede sumidoiros e colectores, obra civil de soterramento da rede de telecomunicacións, obra civil soterramento da rede eléctrica de baixa tensión e nova rede de alumeado público con rede xeral de alumeado con 41 novos puntos de luz de altura 9,00 m cada 30,00 m fronte os 17 puntos de luz existentes. A maiores incluiranse luminarias para pasos de peóns: 5 para reforzo lumínico. A sinalización horizontal constará de marcas viais e de seguridade en zonas compartidas, pasos de peóns e redutores de velocidade e a sinalización vertical constará de sinais de tráfico, carteis e paneis complementarios.
Os obxectivos desta actuación son, segundo explicou Nidia Arévalo, rexedora local mosense, “proporcionar un transporte eficiente e mellora a seguridade viaria e peonil mediante a construción dunha senda peonil por unha marxe accesible e segura comunicando os diferentes núcleos, incorporando redutores de velocidade, un paso de peóns elevado e ampliación do carril actual a dous carrís para mellor cruzamento de vehículos”. “A seguridade viaria tamén vese reforzada”, continuou Arévalo, “reducindo os riscos de accidentes e mellorando que a vía sexa máis cómoda para os vehículos e os peóns. Isto contribúe a que as persoas síntanse máis seguras ao desprazarse e fomente ou uso do transporte público de servizo discrecional e da bicicleta”.
A humanización da Estrada Pereiras-Tameiga dende San Eleuterio ata a Candosa, dá continuidade tamén á remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio. As obras realizaranse no ámbito que abarca desde Camiño da Laxiña (PK 0+000, na contorna da Ermida de San Eleuterio) ata o núcleo de Candosa (PK 1+414). Coa realización deste proxecto, perséguese o aumento da seguridade das persoas e os vehículos, mediante a construción dun itinerario peonil nunha marxe e a ampliación da sección viaria de acordó ás aliñacións do PXOM. Ademais, favorécese unha mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé ou en bicicleta), créanse espazos seguros (sendas peonís e redución de velocidade), foméntase a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e en definitiva, recupérase o concepto de viario como espazo amable, de calidade e para as persoas, con solucións ambientais sostibles (redución da contaminación).
A Estrada Pereiras-Tameiga é un dos principais eixos norte-sur do municipio de Mos, o cal parte da Ermida de San Eleuterio e finaliza na Igrexa de San Miguel de Pereiras, atravesando as parroquias de Petelos, Tameiga, Sanguiñeda e Pereiras. Trátase dun vial estreito, sen beirarrúas e cun tráfico mixto importante, onde conviven vehículos lixeiros e pesados (autobuses escolares, camionetas de repartición…).
O vial dá servizo a vivendas unifamiliares (cunha distribución máis ben dispersa ao longo da actuación e máis concentradas no núcleo de Pedraúcha). É un vial estreito e asfaltado, con ancho variable, que carece de beirarrúas na maior parte do ámbito e de espazos ordenados para o aparcamento.
O Concello de Mos propón realizar un deseño viario que teña en conta criterios de humanización e seguridade viaria, así como a mellora da mobilidade e accesibilidade, Para a ampliación da sección viaria, nesta fase, óptase por aproveitar ao máximo una das marxes da aliñación do PXOM e tentar ocupar o mínimo posible a marxe contraria, mantendo sempre unha calzada de ancho adecuado (>6,50m) e unha senda accesible de 2.00 m (mínimo: 1,80m).
No proxecto exponse unha marxe con senda peonil accesible e segura que comunique os diferentes núcleos. Rehabilitarase o pavimento de aglomerado asfáltico, o cal se atopa en mal estado. Incorpóranse redutores de velocidade e un paso de peóns elevados para aumentar a seguridade viaria. Prevese o deseño dunha nova rede de drenaxe, conectada á rede existente. Inclúese a renovación da rede de iluminación, optando por modelos máis eficientes e soterrando a rede, mellorando a calidade visual do conxunto. Incluíuse o soterramento das redes de telecomunicacións e electricidade, tanto a obra civil como eléctrica.
Esta actuación busca fomentar a mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé), crear espazos máis seguros e de calidade (beirarrúas máis amplas, redución de velocidade…), fomentar a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e mellorar as redes de servizo existentes. Consiste principalmente en reordenar a infraestrutura viaria nunha lonxitude de 1.414 m e nunha superficie total do ámbito de actuación de 14.420 m2.
Entre o PK 0+000 e o PK 0+720 proxéctase a ampliación da sección viaria, cun ancho mínimo da calzada de 6.50 m, e unha senda pola marxe Este, de chan estabilizado con cemento branco de 2.00 m de ancho, con estreitamentos puntuais de 1.80 m, por limitación de espazo. No núcleo rural de Pedraúcha (PK 0+720 a PK 0+860) a actuación consiste na rehabilitación superficial da capa de rodadura e a creación dun espazo de convivencia marcado con sinalización horizontal e vertical. Entre os PK 0+860 e 1+090, emprégase a mesma solución que no tramo inicial: ampliación da sección viaria, cun ancho mínimo da calzada de 6.50 m, e unha senda de xabre estabilizado con cemento branco pola marxe Este (entre o PK 0+860 e PK 1+000) e pola marxe Oeste (entre o PK 0+990 e o PK 1+090) adaptándose ás aliñacións do PXOM.
Para o tramo final, entre o PK 1+090 e 1+414, que é máis rural, sen apenas edificacións, mantense unha calzada de 6.50 m de ancho, e amplíase a sección de beiravía ata 1.25 m de ancho, para poder reducir a sección de firmes segundo as indicacións da normativa da Instrución de Estradas 6.1 IC.
En definitiva, con esta humanización da Estrada Pereiras-Tameiga os espazos públicos son mellorados. Incluso no espazo central de Pardaucha realízase un espazo de convivencia marcado con sinalización horizontal e vertical. En resumo, as vantaxes desta actuación son múltiples é céntranse fundamentalmente na seguridade viaria, accesibilidade, estética e integración urbana, sostibilidade, valor económico e social; durabilidade e eficiencia.