- Será a 25ª edición desta lanparty, a maior de Galicia, a cal volverá reunir a centos de profesionais e afeccionados no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA
- Conta co apoio da Xunta de Galicia e coa empresa galega Intermax Technology como patrocinadora oficial, a cal por segunda vez fará posible navegar a unha velocidade de ata 40Gbps, o dobre do que se acadaba antes da implicación desta compañía tecnolóxica no evento
A Feira Internacional de Galicia ABANCA volverá reunir a profesionais e afeccionados á informática e as novas tecnoloxías do 10 ao 12 de outubro. Será na 25ª edición da maior lanparty galega, a XGN Intermax.
Este evento contará de novo coas súas zonas tradicionais, a Intranet e a Extranet, as cales se situarán nos dous pavillóns principais do recinto, con 10.000 metros cadrados cada un deles. En canto á primeira, orientada a inscritos, permitirá desfrutar dun posto con conexión de altas prestacións e dará dereito tanto a acampar como a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet ofrecerá un completo programa de propostas tanto para os participantes como para quen visite o recinto.
Formación, intercambio de experiencias e entretemento volverán ser os eixos desta edición de 2025, que conta co apoio da Xunta de Galicia, impulsora da party, e dende o ano pasado con Intermax Technology como patrocinador oficial. Grazas a esta compañía tecnolóxica galega os participantes poderán navegar por segunda vez a unha velocidade de ata 40 Gbps, o dobre do que se alcanzaba antes da implicación de Intermax Technología no evento.
A organización xa está a deseñar a cita, que continúa tendo como obxectivo converterse na segunda lanparty a nivel nacional.
Lecer e aprendizaxe no seu programa
A XGN Intermax contará de novo cun programa de actividades moi variado tanto para os inscritos como para os visitantes que acudan á Extranet, o cal busca tanto a aprendizaxe como o entretemento.
Novidades e propostas xa habituais que contan con gran éxito todos os anos uniranse nunha programación que incluirá competicións, talleres, conferencias, actividades de realidade virtual e tamén os xogos máis diversos.