- A ÁREA EXPOSITIVA DO CERTAME CONTARÁ CON EMPRESAS E ENTIDADES LÍDERES, AS CALES PRESENTARÁN INTERESANTES NOVIDADES ENTRE O 26 E O 28 DE MARZO
- ADEMAIS, REALIZARANSE XORNADAS CENTRADAS NESTES ÁMBITOS E LEVARANSE A CABO DEMOSTRACIÓNS NAS QUE OS VEHÍCULOS NON TRIPULADOS (UAVS) SERÁN PROTAGONISTAS
A III Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2025, a cal terá lugar do 26 ao 28 de marzo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA terá na innovación aeroespacial, aeronáutica e vehículos non tripulados outro dos seus atractivos.
Así, ademais de contar na súa área expositiva con empresas líderes no sector dos drons, estes ámbitos protagonizarán interesantes actividades.
En canto a xornadas técnicas e mesas redondas, destacarán as organizadas polo Polo Aeroespacial de Galicia. En dous delas a protagonista será a Business Factory Aero, que presentará catro casos de éxito: “Innovar sen riscos: xemelgos dixitais aplicados a drons”, por parte de Sylvana Varela, CTO de Ventilatio Lab; “O futuro da inspección segura de estradas”, de man de David Fernández, xestor de proxectos en Aguia, “Máis información, mellores decisións: aplicacións da tecnoloxía en operacións de emerxencia”, por parte de Miguel Barreiro, CTO de Beagle Labs, e “Enerxía limpa: o papel do hidróxeno para misións estratéxicas”, exposto por Antonio González, CEO de H2 Dron Energy. Por outra banda, na mesa redonda “BFAero: impulsando o futuro da industria aeroespacial” debaterán Miguel Barreiro, de Beagle Technology; Claudia Romero, de Net2fly; Adrián Senar, de Kreios Space, e José Maceira, de Arzeos Aircraft.
Ademais, o Polo Aeroespacial de Galicia abordará noutra xornada varios temas con gran atractivo. Así, analizará a “Dixitalización da loita contra incendios forestais. Axuda na toma de decisións”, sendo o encargado de facelo José Luis Saiz, de Avincis; “O cerebro detrás dos drons: control e análise en tempo real”, impartida por José Blanco, de Cuatro Digital, e “Matemáticas ao servizo da loita contra incendios”, de man de Marta Rodríguez e María José Ginzo, ambas de CITMAga, ademais de incluír outros dous relatorios por parte de representantes de Ute Aertec Tecnobit e de Airbus.
Os drons protagonizarán ademais xornadas de empresas, como Ritrac Internacional, baixo títulos tan interesantes como “Drons e unidades K9: innovación e colaboración na seguridade cidadá”, “Drons: ciberseguridade e o ceo das oportunidades de negocio”, “Drons, Unha ferramenta clave na loita antiterrorista?”, “Drons: gardiáns do ceo, desafíos en terra. Loita contra incendios”, “Drons e escoltas: o futuro da protección persoal e a seguridade” ou “Drons e pilotaxe remoto: navegando o futuro da aviación”. Representantes das forzas de seguridade, especialistas en pilotaxe de drons, expertos en ciberseguridade ou antiterrorismo, desarrolladores de softwares, empresas de seguridade, profesionais en formación no mundo do dron ou expertos en seguridade privada e protección persoal, ademais de representantes da empresa, participarán nestes encontros.
Ademais, o sector aeroespacial, aeronáutico e dos drons estará presente en numerosos relatorios doutras xornadas sobre seguridade, emerxencias e extinción de incendios.
Demostracións e simulacros
Por outra banda, o certame acollerá interesantes demostracións con drons, as cales terán como protagonistas novos modelos de distintas empresas presentes na feira.
Ademais, realizaranse exhibicións nas que estarán presentes estes vehículos non tripulados, como o simulacro multidisciplinar xestionado en Posto de Mando Avanzado (Axega – Axencia Galega de Emerxencias), mediante o método Gom (Xestión Operativa de Mando) con presentación do sistema de dron cautivo e comunicación multiplataforma desde Posto de Mando Avanzado (Plataforma Nuuk), organizado pola Xunta de Galicia.