HomePontevedraBaixo MiñoA IX Semana da Educación derruba tabús para previr o suicidio infantil...

A IX Semana da Educación derruba tabús para previr o suicidio infantil e xuvenil

- Anuncio -spot_img

Enric Armengou, psiquiatra e asesor do Ministerio de Sanidade, dará unha charla clave para rachar co silencio arredor das condutas autolesivas

A cita será o martes 10 de febreiro ás 19.00 horas no auditorio de Goián con entrada de balde

Falar para salvar vidas. O Concello de Tomiño afrontará os tabús con información, diálogo e responsabilidade na segunda xornada da XI Semana da Educación, que o vindeiro martes 10 (19.00 h no Auditorio de Goián) abordará outro dos retos máis urxentes da sociedade actual: a prevención do suicidio na infancia e na mocidade, que está na taxa máis alta dos últimos 25 anos.

Baixo o título “Romper o silencio: claves para a prevención de condutas autolesivas na mocidade”, o psiquiatra Enric Armengou ofrecerá unha conferencia aberta e rigorosa para familias, profesorado e profesionais da educación. A sesión partirá dunha realidade preocupante: tras a pandemia da COVID-19 aumentou a frecuencia de noticias sobre suicidio entre mozas e mozos, converténdose esta problemática na primeira causa de morte por factores externos nesta franxa de idade, a pesar de tratarse dunha morte evitable.

A charla abordará os factores de risco e de protección, así como as claves para actuar tanto na aula como no ámbito familiar, desmontando o tabú que aínda envolve a ideación e a conduta suicidas. Falar de forma clara e axeitada, lonxe de provocar estas condutas, está demostrado que axuda a previlas, permite entender a súa orixe e acompañar mellor a rapaces e rapazas nos momentos difíciles.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, salientou que “como institución temos a obriga de crear espazos seguros para falar do que doe e do que preocupa. A información e o diálogo son ferramentas fundamentais para protexer á nosa mocidade e para apoiar ás familias e aos centros educativos. E a Semana da Educación quere ser ese lugar de encontro no que aprender a acompañar mellor e a entender que pedir axuda é un acto de valentía”.

O doutor Enric Armengou conta con máis de 25 anos de experiencia como psiquiatra, especializado no tratamento e prevención dos trastornos alimentarios e da conduta suicida. Profesor na Universidade Abat Oliva, foi fundador do centro ABB e director médico de ITA Saúde Mental, ademais de profesor universitario. Actualmente asesora ao Ministerio de Sanidade no Plan Nacional de Prevención do Suicidio e forma parte do padroado da Fundación Ayuda y Esperanza, atendendo de maneira voluntaria o Teléfono de Prevención do Suicidio e o Teléfono da Esperanza.

A XI Semana da Educación, que se celebra do 9 ao 12 de febreiro, consolídase así como unha cita de referencia que converte Tomiño nun espazo de reflexión educativa e social. Cun programa de catro conferencias gratuítas ás 19.00 horas no Auditorio de Goián, a edición deste ano comparte un eixo común: o benestar emocional e a saúde mental na infancia e na adolescencia, apostando por achegar coñecemento útil, rigoroso e transformador á comunidade educativa e á veciñanza.

Publicacións Relacionadas