A liquidación do orzamento do 2025 avala a mellor situación económica da historia do concello de Soutomaior  

Redacción
Lectura mínima de 3
  • Unha liquidación que amosa un crecemento do orzamento final do orzamento dun 75,12% chegando aos preto de 10 millóns de euros, e un saldo positivo de máis 404 mil euros.

O Goberno Local consolida, un ano máis, o crecemento e a eficiencia na xestión dos cartos públicos coa liquidación do orzamento do 2025. Unhas contas que medraron nun 75,12% con respecto ao orzamento inicial pasando dos 6,2 millóns de euros iniciais e chegando aos preto de 10 millóns de euros de orzamento final no 2025.

Trátase, segundo dixo o alcalde nesta xornada, “da mellor situación económica da historia do concello de Soutomaior”. Uns datos que se deben “a boa xestión económica do concello que, grazas ao traballo realizado dende o Goberno Local e o funcinariado acadou preto de 2,5 millóns de euros de subvencións públicas doutras administracións que, xunto coas achegas municipais, permitiron realizar actuacións por un importe de preto de 3,5 millóns de euros” engadiu Lourenzo.

Esta liquidación amosa que se incrementou o esforzo inversor por habitante en 60,06 euros e que se reduciu o gasto ordinario. Unha contas que poñen sobre a mesa que a presión fiscal por habitante reduciuse a 8,76 euros.

Manu Lourenzo dixo nesta xornada que “en tempos de ruído poñer enriba da mesa estas contas é importante, é lexítimo discrepar noutros temas pero o que non é opinable é que esta xestión económica do concello é a mellor da historia para Soutomaior”. O alcalde tamén quixo agradecer o traballo realizado polo equipo técnico do concello “isto conséguese sendo prudente no gasto e ambicioso nos obxectivos, sen dúbida esta liquidación reflicte unha realidade da que temos que estar ben orgullosas e orgullosos”. 

Estas contas amosan que o resultado final do exercicio do 2025 é positivo en máis de 404 mil euros, o remanente de tesourería para gastos xerais ascende a máis de 1,8 millóns de euros e o período medio de pago a provedores é de 7 días. O Goberno Local de Soutomaior cumpre, ademais, co obxectivo de estabilidade orzamentaria e a regra de gasto e ten 0 euros de débeda financieira.

Comparte este artigo