Arredor de 150 familias víronse beneficiadas por un servizo que o Concello leva desenvolvendo desde hai máis de 15 anos, co obxectivo de facilitar a conciliación laboral e persoal durante a tempada estival
O alcalde, Jacobo Pérez, participou esta pasada fin de semana nas Xornadas Familiares de Corresponsabilidade, unha cita que serviu como colofón á programación da ludoteca
Máis de 250 nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos participaron ao longo dos meses de xullo e agosto na Ludoteca de Verán, un servizo posto en marcha polo Concello de Caldas de Reis co obxectivo de promover e facilitar a conciliación familiar e laboral entre as amilias da capital da comarca durante a época estivalque. A ludoteca tivo colofón a pasada fin de semana unha nova edición das Xornadas Familiares de Corresponsabilidade. Esta proposta tivo lugar durante a tarde do venres 29 e a mañá do sábado 30 de agosto e incluíu un gran número de actividades pensadas para pais de crianzas, entre as que figuraban obradoiros familiares, talleres, unha xincana responsable ou a degustación gratuíta de chocolate con churros.
O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, fixo fincapé na importancia de continuar consolidando esta prestación, da que se viron beneficiadas máis de 150 familias este verán. “Para nós é unha prioridade o feito de que a nosa veciñanza poida contar cun servizo de conciliación, que resulta indispensable especialmente nos meses de verán e imos continuar apostando por el”, garantiu.
A Ludoteca de Verán leva máis de 15 anos desenvolvéndose en Caldas de Reis sen deixar de medrar. Cómpre lembrar que o programa conta cunha achega do Plan Corresponsables da Xunta de Galicia.
Por segundo ano consecutivo, a Ludoteca de Verán contou con Plan Madruga, que se implantou por primeira vez en 2024 e que contou con preto de 30 usuarios e usuarias. Dada a alta demanda rexistrada, o Concello ten previsto manter este servizo adicional en futuras convocatorias. Ademais da conciliación, coas actividades que se levan a cabo durante a tempada estival tamén se busca acadar outros obxectivos, como fomentar valores axeitados de igualdade e respecto polo medio ambiente aos nenos e nenas, ao tempo que se promove o coñecemento do propio concello. Para iso, desenvolvéronse diferentes visitas e excursións en xullo e agosto, grazas ás cales as crianzas tiveron ocasión de coñecer e familiarizarase con diferentes emprazamentos emblemáticos do concello. Ademais, os nenos e nenas da ludoteca tamén achegaron o seu gran de area á hora de embelecer e coidar os espazos públicos, coa elaboración dun colorido mural nas inmediacións do parque infantil da Tafona. Neste sentido, o alcalde agradeceu o esforzo dos rapaces e rapazas, os cales “coa súa creatividade axudan a que Caldas de Reis sexa unha vila máis fermosa e chea de cor”.

