HomeVigoNigránA Mancomunidade do Val Miñor achegará 25.000€ para axuda alimentaria de emerxencia...

A Mancomunidade do Val Miñor achegará 25.000€ para axuda alimentaria de emerxencia no Sáhara e ao proxecto de recollida de lixo nos campamentos de refuxiados

- Anuncio -spot_img

“Inicialmente esta achega ía destinarse exclusivamente ao proxecto de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos pero desde a Media-Luna Roja Saharaui nos trasladan esta necesidade imperiosa”, explica Juan González, presidente da Mancomunidade

Existe un aumento sen precedentes na incidencia de desnutrición e anemia entre nenos e mulleres ao diminuir a reserva de alimentos drásticamente nos últimos 5 meses

“O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, e por iso desde a Mancomunidade queremos aportar esta achega en momentos tan difíciles para eles”, explica

A Mancomunidade do Val Miñor levará ao pleno do 4 de maio a aportación de 25.000 € ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para que os destine a axuda alimentaria de emerxencia nos campamentos de refuxiados saharauis e á recollida de residuos e sensibilización ambiental nestes territorios arxelinos. Asi llo comunicou hoxe o presidente da Mancomunidade, Juan González; o rexedor de Gondomar, Francisco Ferreira; e a concelleira de Servizos Socias, Concepción Vara, ao delegado do Fronte Polisario en Galicia, Mohamed Mehdi, nun encontro no Concello de Gondomar. Estes cartos súmanse aos 10.000 € que xa aprobou ao respecto o Concello de Nigrán e a outros 15.000 € que achegará directamente o Fondo Galego despois de que o rexedor nigranés, presidente tamén do Fondo, visitase xunto ao seu homólogo de Gondomar os campamentos en febreiro e apreciasen in-situ estas necesidades.

“Inicialmente esta achega ía destinarse exclusivamente ao proxecto de recollida de lixo e concienciación ambiental nos campamentos pero desde a Media-Luna Roja Saharaui nos trasladan unha necesidade imperiosa de alimentos ao punto de que nos últimos cinco meses tiveron que reducir as súas racións mensuais en máis dun 50%”, explica González, quen subliña o “compromiso inquebrantable” do Val Miñor cos saharauis, participando desde sempre a comarca no programa ‘Vacacións en Paz’ que, grazas ás familias acolledoras e á financiación dos concellos, trae a menores no verán que repetirán este ano despois de dous anos paralizado pola Covid-19. “O movemento solidario e a vontade expresada pola sociedade civil nesta causa é absoluto, e por iso desde a Mancomunidade queremos aportar esta achega en momentos tan difíciles para eles”, explica González, quen aprobou en marzo no Concello de Nigrán unha moción en defensa do dereito de autodeterminación do pobo saharaui e de rexeitamento da viraxe neste asunto de política exterior por parte do goberno de España, sendo o primeiro municipio de Galicia en facelo.

A situación prolongada dos refuxiados saharauís volveuse máis fráxil que nunca como resultado dos terribles efectos causados pola pandemia da Covid e a nova onda de desprazamento de miles de civís causada polo conflito armado entre as dúas partes en conflito no Sahara Occidental. Hai un esgotamento total da reserva de fariña e aceite e unha redución ao mínimo das reservas doutros alimentos básicos, e o déficit crónico de financiamento incrementouse cos altos prezos no mercado internacional. Por iso a Media Lúa Vermella Saharauí expresa a súa profunda preocupación pola crecente vulnerabilidade da situación dos refuxiados e o aumento sen precedentes na incidencia de desnutrición e anemia entre nenos e mulleres. Ante esta perigosa situación, a organización fixo un chamamento urxente aos paises doantes, ás axencias de Nacións Unidas, ás organizacións humanitarias internacionais, ás asociacións da sociedade civil e ao movemento de solidariedade co pobo saharauí para que proporcionen axuda humanitaria urxente aos refuxiados para evitar máis deterioro da fráxil situación.

Nadafa

Os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador se beneficiarán grazas a estas achegas do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa, especialmente elementos de protección como máscaras e guantes, que tamén se lles facilitarán á veciñanza que participa nas campañas voluntarias de limpeza. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna. O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e alcalde de Nigrán, xunto ao de Gondomar, tiveron a oportunidade de comprobar in situ como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos.

Publicacións Relacionadas