Presentáronse un total de 31 aspirantes para as 39 prazas, polo que a Mancomunidade publicará unha nova oferta nos vindeiros días
A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor celebrou esta mañá na Ladeira as probas físicas dos 31 aspirantes a socorristas das praias de Nigrán e Baiona co 100% de aprobados. A totalidade deles as superou, polo que quedarían só 8 vacantes para as cales se realizará unha nova convocatoria nos vindeiros días. “A correcta vixianza dos areais está xa garantida nas mesmas condicións que sempre, pero queremos cubrir a totalidade para organizar as quendas de traballo e libranzas con máis folgura”, explica o alcalde de Nigrán e actual presidente da Mancomunidade, Juan González.
Deste xeito, os concellos aspiran este ano a contar con 38 socorristas e un coordinador (xa cuberto hoxe), catro máis que no verán de 2024, cando se completou a oferta. Concretamente, traballarían do 1 de xullo ao 27 de setembro. Os salarios brutos contemplados son de 1.605 €/mes e 1.526 €/mes, respectivamente, e a xornada semanal de 37,5 horas cos seus respectivos descansos. O custe total é de 317.640 € dos que a Xunta outorgaría 17.101 € como subvención ao efecto e o restante o achegan o Concello de Nigrán e Baiona ao 50%.
A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor logrou cubrir nos derradeiros dous anos a totalidade das prazas requiridas grazas a ter ofrecido Nigrán e Baiona diferentes cursos gratuítos que habilitan para poder exercer de socorrista en espazos acuáticos naturais. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese é o motivo polo que en moitos municipios de Galicia hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias”, explica.