Ofrécense 38 prazas de socorristas e unha de coordinador, dispondo os interesados ata o mércores 18 de xuño para presentar a súa solicitude
Serían catro prazas máis que no ano 2024 e o salario é de 1.605 €/mes e 1.526 €/mes respectivamente
A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor contratará este ano a 39 socorristas para vixiar as súas praias, catro máis que no verán de 2024, cando se cubríu o 100% da oferta. Deste xeito, a publicación hoxe do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO) abre o prazo de presentación de solicitudes desde mañá xoves ata o mércores 18 de xuño. Concretamente, búscase cubrir un posto de un coordinador e 38 postos de socorristas do 1 de xullo ao 27 de setembro. Os salarios brutos contemplados son de 1.605 €/mes e 1.526 €/mes, respectivamente, e a xornada semanal de 37,5 horas cos seus respectivos descansos. O custe total é de 317.640 € dos que a Xunta outorgaría 17.101 € como subvención ao efecto e o restante o achegan o Concello de Nigrán e Baiona ao 50%.
A Mancomunidade de Concellos do Val Miñor logrou cubrir nos derradeiros dous anos a totalidade das prazas requiridas grazas a ter ofrecido Nigrán e Baiona diferentes cursos gratuítos que habilitan para poder exercer de socorrista en espazos acuáticos naturais.
“Anualmente se repetía o problema de falta de socorristas en toda Galicia coa titulación requirida, polo que a partir de 2020 comezamos a ofrecer este curso gratuítamente desde os Concellos e a Mancomuidade, e o certo é que foi un acerto para garantir a calidade asistencial nas nosas praias e, ao mesmo tempo, favorecer a empregabilidade da xente nova da comarca”, explica o presidente actual da Mancomunidade e alcalde de Nigrán, Juan González. “Trátase dun certificado de profesionalidade moi demandado e cun custe económico alto tendo en conta que o traballo é moi estacional, ese é o motivo polo que en moitos municipios de Galicia hai escasos socorristas coa titulación válida para exercer o seu traballo nas praias”, engade