HomePontevedraBaixo MiñoA memoria do Rosal tece pontes entre xeracións co proxecto ‘De avoas...

A memoria do Rosal tece pontes entre xeracións co proxecto ‘De avoas a netas’

- Anuncio -spot_img

Concello e a rapazada participante na iniciativa presentan este traballo de intercambio interxeracional e recuperación do patrimonio inmaterial

Será este venres 27 ás 17.00 h no baixo da Liga nun acto aberto a toda a veciñanza

Hai historias que non están nos libros, pero viven na memoria das persoas. O Rosal dará este venres 27 de marzo un paso máis na súa recuperación do patrimonio inmaterial coa presentación do proxecto “De Avoas a Netas: Nomeando O Rosal”, unha iniciativa de transmisión interxeracional posta en marcha polo Concello e por rapazada voluntaria do municipio para recuperar a memoria colectiva.

O acto, aberto a todo o público, celebrarase ás 17.00 horas no Baixo da Liga e servirá para dar a coñecer unha proposta que busca poñer en valor o patrimonio cultural, etnográfico e inmaterial do Rosal a través da recollida de relatos, saberes e experiencias da veciñanza.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou o valor deste tipo de iniciativas, xa que “este proxecto é unha mostra do compromiso da nosa mocidade coa súa identidade e co seu territorio. Recuperar a memoria das nosas avoas é tamén construír futuro, porque nelas están as raíces do que somos”.

Impulsado por un grupo de mozas e mozos de diferentes ámbitos profesionais, De Avoas a Netas nace coa vontade de recuperar, reinterpretar e compartir a memoria colectiva do municipio, facendo fincapé na importancia de preservar non só os bens materiais, senón tamén os coñecementos, técnicas e expresións culturais que forman parte da identidade local.

O proxecto ten como punto de partida actividades tradicionais que marcaron a vida do Rosal na metade do século XX, como o pisco, os muíños ou o uso do argazo. A través dunha metodoloxía baseada na investigación, na participación interxeracional e na divulgación, a iniciativa pretende recompilar o relato oral das veciñas e veciños para reconstruír e dar a coñecer a historia viva do municipio.

A rexedora anima á veciñanza a participar nesta primeira xornada. “Queremos que sexa un proxecto compartido, no que toda a veciñanza se sinta parte. Porque a memoria constrúese entre todas e todos, e só así podemos garantir que non se perda”, recalcou.

Un encontro que será un novo paso no camiño colectivo para poñer nome, voz e valor á historia do Rosal.

Publicacións Relacionadas