– Redondela celebrou a xuntanza da Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención a Vítimas de Violencia de Xénero con representantes do Concello, Subdelegación do Goberno, Corpos e Forzas de Seguridade, Xulgado e Sergas. O obxectivo é analizar os casos de violencia machista rexistrados no municipio e avanzar na coordinación e asistencia que lles presta ás vítimas desde todos os organismos implicados.
– A alcaldesa, Digna Rivas, deu conta da nova prestación de apoio ás vítimas co “Servizo de atención e coidado inmediato”. O servizo está dispoñible 24 horas, os 365 días do ano “para atender ás crianzas ou maiores dependentes que están a cargo das mulleres”. Rivas avanzou tamén que o Concello ultima un acordo para proporcionar unha residencia ás vítimas que se vexan obrigadas a abandonar o seu domicilio.
O Concello de Redondela acolleu este mediodía unha xuntanza da Mesa de Coordinación para a Mellora da Atención a Vítimas de Violencia de Xénero. Nesta reunión de traballo participan representantes do Concello, Subdelegación do Goberno, Corpos e Forzas de Seguridade, Xulgado e Sergas. Esta mesa analiza os casos de violencia de xénero rexistrados en Redondela “para avanzar na coordinación de todos os organismos implicados na protección das vítimas e mellorar a asistencia que se presta a estas mulleres”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
Desde o Concello deuse conta da nova prestación de apoio ás vítimas de violencia machista co “Servizo de atención e coidado inmediato”. Realízase a través da concellería de Igualdade e consiste nun servizo de atención dispoñible as 24 horas, os 365 días do ano. Está dirixido a mulleres vítimas de violencia machista “para atender ás persoas que están a cargo destas mulleres, xa sexan menores de idade ou maiores dependentes”. O servizo é solicitado pola policía cando as vítimas teñen que realizar trámites de denuncia, declarar no Xulgado ou calquera outra xestión derivada da situación de violencia. A prestación inclúe tanto o persoal como o material necesario para atender aos menores ou maiores a cargo da vítima. Rivas explicou que este servizo pioneiro busca ofrecer un apoio “integral” ás mulleres.
A alcaldesa avanzou tamén que o Concello ofrecerá en breve unha “solución habitacional” para as vítimas de violencia naqueles casos en que deben abandonar o seu domicilio. Está a ultimarse o acordo cunha institución para proporcionarlles unha residencia segura “e confiamos en que estará resolto a comezos de 2026”, sinala Rivas.
Desde a Unidade de Unidade Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, salientaron “o excelente traballo e o esforzo” que realiza o Concello de Redondela con estes novos servizos que poñen a disposición das vítimas de violencia machista e “a boa disposición” para a coordinación da atención ás vítimas.
Na Mesa, presidida por Digna Rivas, participaron as concelleiras de Muller e Igualdade, Iria Vilaboa, e Interior, Rita Pérez Táboas, así como técnicas do CIM. Tamén representantes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Policía Local, Nacional e Autonómica, do Xulgado de Redondela, do Centro de Saúde de Redondela e do Centro Penitenciario da Lama.



