HomePontevedraBaixo MiñoA mocidade dá voz á memoria colectiva e histórica do Rosal

A mocidade dá voz á memoria colectiva e histórica do Rosal

- Anuncio -spot_img

Concello e case unha vintena de mozos e mozas puxeron en marcha un grupo de traballo para levar a cabo accións de recuperación da memoria

A rapazada interesada poderá unirse a este grupo composto por xente de ámbitos moi diferentes

O Rosal escribe unha nova páxina da súa historia da man da mocidade. O Concello e preto dunha vintena de rapaces e rapazas rosaleiras de entre 19 e 25 anos integran un grupo de traballo pioneiro no municipio que nace coa vontade de recuperar a memoria colectiva e histórica do Rosal dende unha ollada diferente que combinará lembranza, identidade e futuro.

Un colectivo aberto no que conviven diversidade, ilusión e compromiso e que actualmente está xa composto por mozas e mozos procedentes de ámbitos tan diversos como a Historia, as Ciencias Sociais, as Ciencias Políticas e da Administración, a creación artística, a comunicación audiovisual ou o tecido cultural. Desde esas diferentes perspectivas, o grupo está a traballar na reflexión conxunta e na definición de accións que permitan preservar e difundir o patrimonio histórico e colectivo do municipio dun xeito innovador, vivo e participativo.

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou a importancia desta iniciativa, xa que “é moi ilusionante ver como a nosa mocidade toma a iniciativa e aposta por traballar xunta para recuperar a memoria colectiva. Desde o Concello acompañaremos este proceso, porque a historia dun pobo escríbese tamén coas mans e coas ideas das súas xeracións máis novas”.

O grupo, que se atopa en fase de consolidación, mantén as portas abertas para todas aquelas persoas que desexen sumarse e achegar o seu gran de area. “A forza deste grupo reside precisamente na pluralidade e na implicación dunha xeración sensibilizada, capaz de crear proxectos diferentes que conecten o pasado co presente e co futuro da comunidade. Unha rapazada que nos lembra a todas e todos que a mellor maneira de coidar a memoria colectiva e histórica é dándolle vida dende a participación activa”, resaltou a rexedora.

Publicacións Relacionadas