O programa inclúe varios obradoiros en materia de igualdade para alumnado da ESO, unha obra de teatro e unha campaña que busca implicar a toda a veciñanza
A exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de outubro nas dependencias da Casa Consistorial
O Concello de Caldas de Reis, a través do departamento de Igualdade, promove unha ampla programación para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o vindeiro 25 de novembro. Ao longo deste mes de outubro xa se están desenvolvendo diferentes actividades, nas que se inclúen obradoiros para o alumnado de ESO, obras de teatro e unha campaña informativa na que se busca implicar a toda a veciñanza transmitindo unha mensaxe clara de rexeitamento, concienciación e compromiso colectivo.
A primeira das propostas xa está en marcha. Desde este luns pódese visitar nas dependencias do Consistorio a exposición ‘Chicas nuevas 24HRS’, dirixida por Mabel Lozano. A inauguración contou coa asistencia do alcalde, Jacobo Pérez, e da deputada socialista no Parlamente de Galicia Paloma Castro Rey. A mostra permanecerá aberta ata o 31 de outubro e será visitada por grupos de estudantes do municipio. A maiores, proxectarase o documental do mesmo nome o martes 27, ás 18.00 horas, no Salón de Plenos. ‘Chicas Nuevas 24 Horas’ é unha exposición interactiva e participativa, baseada na peza audiovisual, que denuncia o rendible negocio que ser a compra e venda de mulleres e nenas para a súa explotación sexual. Esta obra busca sensibilizar á poboación en xeral, poñendo o foco na xente moza, sobre as causas da trata de mulleres para a escravitude sexual. A actividade é promovida pola Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e o Concello de Caldas de Reis.
Con respecto ás formacións a realizar nos centros educativos, o alumnado de 1º da ESO poderá participar no obradoiro Gamers e Influencers, impartido por Priscila Retamazo Ramos, experta en igualdade de xénero. Mediante recursos audiovisuais e dinámicas cooperativas, o taller invita a identificar mensaxes sexistas e empodera ao alumnado para transformar as contornas virtuais en ferramentas para a igualdade. Pola súa banda, Pepe Cabido será o responsable do obradoiro A Formación da Masculidade: Axudando á Disidencia, para mozos de 4º da ESO. Aquí, traballarase sobre a construción do modelo unidimensional de masculinidade, co fin de recoñecer a masculinidade hexemónica coma unha fonta de priviliexios. Para as estudantes deste curso, Priscila Tamara Retamazo ofrecerá o taller ‘A Lei do agrado en tempos de IA’, buscando fomentar unha conciencia crítica, aprendendo a ver como o machismo impregna a vida cotiá de xeito sutil e impulsando posicionamentos críticos. Entre os contidos a traballar inclúense a necesidade de validación e mandato de compracencia, estéticas dixitais e IA, mitos románticos nas redes e relación tóxicas. No apartado educativo, inclúese, asemade, un obradoiro sobre violencia de xénero e trastornos da conduta alimentaria a alumnado de 2º da ESO.
O teatro tamén terá marcado protagonismo no programa do 25N de Caldas de Reis, a través da obra ‘As R(H)umorosas’, unha comedia que, a través do humor, quere visibilizar a honestidade das mulleres ilusgres galegas durante moito tempo esquecidas, como Emilia Pardo Bazán, María Casares ou Pepa a Loba. O Auditorio Municipal acollerá dúas proxeccións, unha para o público en xeral o domingo 22 de novembro (18.00 horas) e outra para o alumnado, o luns 23 ás 11.30 horas.
Por último, a Concellería de Igualdades alienta a campaña dirixida á veciñanza en xeral, a través de 15 retratos fotográficos, que dan forma a unha colección de carteis vencellados ao 25N, nos que persoas de diferentes idades e perfís da sociedade caldense son a imaxe dunha clara mensaxe contra as violencias machistas. A meirande parte destas actividades fináncianse a través de fondos do Pacto de Estado 2026, Deputación de Pontevedra e recursos propios do Concello de Caldas de Reis.

